CONVIVENCIA E MEDIO AMBIENTE

O Goberno local actualizará o regulamento municipal do Servizo de Saneamento

11/11/2015 O Goberno local vai modificar a Ordenanza Municipal de Verteduras, para adecuala á Lei de Augas de Galicia e, máis en concreto, ao Regulamento Marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais, aprobado pola Xunta no ano 2012. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que o Concello de Santiago leva anos incumprindo esa normativa e facendo caso omiso dos requirimentos que lle chegaron ao respecto.

O edil de Medio Ambiente explicou que o decreto 141/2012 polo que se aprobou o Regulamento Marco de Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia define as verteduras prohibidas e toleradas e sinala a obriga de someter a tratamento previo as que non respecten os límites establecidos. Tamén impón a obriga de obter un permiso previo para as verteduras de natureza non doméstica e establece o réxime de inspeccións, entre outros aspectos. Ademais, un dos artigos do decreto sinala que as entidades locais deberán elaborar regulamentos ou ordenanzas específicas en relación aos sistemas de saneamento e depuración que xestionan. O prazo fixado polo propio regulamento para facelo era de dous anos, prazo que se cumpriu o 26 de xullo de 2014.

Requirimentos da Xunta
Xan Duro explicou que o Concello de Santiago xa era consciente destes prazos. O 23 de xaneiro de 2014, no Rexistro Xeral do Concello recibiuse unha comunicación asinada polo director de Augas de Galicia, lembrando a obriga de adecuar a Ordenanza municipal de Verteduras ao Regulamento Marco. Máis adiante, o 13 de xuño de 2014 recibiuse un novo requirimento no mesmo sentido, e lembrando que a data límite para desenvolver a ordenanza era o 26 de xullo de 2014. Por último, o 18 de setembro de 2014, Augas de Galicia enviou un novo escrito ao Concello, solicitando os permisos de verteduras realizadas ao sistema público de saneamento do Concello de Santiago e que posteriormente son tratadas na EDAR de Silvouta e na EDAR de Aríns, así como o censo informatizado desas verteduras. Dispoñer dese censo é unha das obrigas do regulamento autonómico, pero o Concello de Santiago non a cumprira ata o de agora.

Censo de verteduras
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia advertiu de que o proceso para poñer en marcha o novo regulamento "é complexo, porque hai que facer un repaso por todas as empresas de Compostela que realizan verteduras non domésticas e coñecer como están conectadas á rede". Xan Duro sinalou que, a día de hoxe, só hai tres empresas que teñen un permiso específico, o que supón "un descoñecemento absoluto das verteduras que se realizan na nosa cidade". O edil vai máis alá, e apunta que "esta desinformación é especialmente grave, tendo en conta que a actual depuradora da Silvouta non ten capacidade para tratar toda a auga que recibe, e tendo en conta que está en marcha o proceso para construír unha nova EDAR sen saber con exactitude cal debería ser a súa capacidade".

Paralelamente á elaboración da nova ordenanza, o Goberno local vai iniciar a revisión e modificación das taxas fiscais asociadas, e elaborará os protocolos de actuación e actas de inspección. O concelleiro de Medio Ambiente confía en que o regulamento estea elaborado nun prazo de catro meses.

Compartir: