ALCALDÍA

Martiño Noriega reitera o rexeitamento do Concello ao traslado do 061

10/11/2015 O alcalde de Santiago recibiu este martes a Xunta de Persoal do 061, que segue coas súas mobilizacións contra o traslado da súa central ao concello da Estrada. Martiño Noriega expresoulles o respaldo do Concello ás súas reclamacións, por canto a situación lle afecta a 250 familias da cidade.

O presidente da Xunta de Persoal deulle conta ao rexedor da concentración que teñen convocada para o próximo xoves, ás doce do mediodía, na praza do Obradoiro. Jorge Puente insistiu en que "o centro neurálxico das emerxencias sanitarias de Galicia ten que estar en Santiago, porque é a capital de Galicia". Ademais, explicou que "non hai ningunha cuestión tecnolóxica nin ningunha mellora para a cidadanía que xustifique ese traslado, que está orzamentado en 1,5 millóns de euros, a maiores dos 8 millóns que custa o novo edificio da Estrada".

Compartir: