ACCIÓN CULTURAL

"Mediterranea", de Jonas Carpignano, en proxección simultánea por toda Europa

10/11/2015 Este mércores celebrarase a proxección simultánea de Mediterranea, de Jonas Carpignano, en oito cidades europeas, con ocasión dos LUX Film Days. A película, un drama sobre os refuxiados sen trampa nin cartón, valeulle o premio ao mellor director novel no Festival Cinematográfico de Munich.

Antes da proxección, haberá unha presentación especial e ao final da película, un debate co seu director retransmitido en directo online por ARTE dende Bozar, o Centro de Belas Artes de Bélxica, en Bruxelas. Os espectadores poderán interactuar directamente con Jonas Carpignano a través de Twitter utilizando o hashtag #luxprize. A entrada é gratuíta previa retirada de convite no despacho de billetes do Teatro Principal.

Ás 17:30 h, no Salón Teatro, estréase Cop Car, de Jon Watts, protagonizada por Kevin Bacon, fenómeno viral da tempada a conta da OMS. Bacon interpreta a un policía corrupto que inicia unha macabra persecución tras uns nenos que descobren os segredos ocultos do seu coche, nun thriller que logra manter a tensión ata o final.

Tamén no Salón Teatro, ás 19:00 h e 22:45 h respectivamente, estrearanse as dúas películas do Foco Alex Ross Perry: Listen Up Philip e Queen of Earth. Trátase da estrea en España da primeira delas, un escuro e divertido relato sobre o egocentrismo dun escritor. A segunda, Queen of Earth é unha interesante proposta sobre dúas antigas amigas que viaxan xuntas para desconectar da rutina diaria, e se ven inmersas nun clima desasosegante e dun terror incorpóreo que non se sabe de onde xorde.

Songs my brothers taught me, de Chloé Zhao, Premio FIPRESCI do Festival de Cinema de Xerusalén, é unha historia ambientada na reserva india de Pine Ridge, cuxa independencia foi arrebatada violentamente polo Goberno estadounidense minguando a súa poboación e abandonando aos sobreviventes á súa sorte. Neste contexto de perda de identidade cultural viven Johnny e Jashuan, dous irmáns orixinarios dunha familia desestruturada que redescubrirán o significado da palabra "fogar". Contada cunha nostalxia poética e evocadora, a película é próxima ao mellor Malick de Días do ceo. Songs my brothers taught me estrearase no Salón Teatro ás 21:00 h.

Tamén se poderá asistir ao segundo pase de Hai-Hil (Man On High Heels), de Jang Jin, e a outras películas de diferentes seccións no propio Salón Teatro e na sede Afundación.

Direcciones relacionadas



Compartir: