ALCALDÍA

O Premio Antonio Fraguas busca unha edición máis os mellores traballos de investigación sobre o traxe tradicional galego

10/11/2015 A Asociación do Traxe Galego, coa colaboración do Concello e do Centro Comercial Compostela convoca a XXI edición do Premio de Investigación Antón Fraguas sobre o Traxe Galego. Unha vez máis, premiaranse os mellores traballos descritivos e analíticos sobre esta indumentaria.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou esta nova edición do Premio Antonio Fraguas, acompañado da presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Astray, e do director de Comunicación e Relacións Externas de El Corte Inglés, José Manuel Blanco. Todos eles animaron os investigadores a presentar os seus traballos e a optar aos premios de 1.200 e 600 euros previstos para o mellor traballo analítico e para o mellor traballo descritivo, respectivamente.

O galardón fallarase nun acto previsto para o xoves 10 de decembro, ás 20:00 horas, no salón nobre do Pazo de Raxoi. Os interesados en participar teñen ata o 30 de novembro para remitir os seus traballos por correo certificado á Asociación do Traxe Galego (rúa do Hórreo, 19 – Galerías Viacambre Local 57-58, 15702 Santiago de Compostela).

Descritivos ou analíticos
Consideraranse na modalidade de traballos descritivos aqueles que, recuperando traxes, especifiquen a materia con que están feitas as pezas, presenten patróns, medidas, onde se atoparon, onde están actualmente e de que época é cada unha das pezas analizadas, pero evitando elevar esas pezas ou eses traxes, sen máis documentación que a confirme e complemente, a categoría absoluta para unha terra ou unha época.

En cambio, estimaranse traballos analíticos os que:

- Pescuden información sobre o traxe tradicional en: inventarios post-morten, na tradición oral, na iconografía (gravado, pintura, fotografía), na literatura, na lingüística e na fraseoloxía.

- Centren a investigación sobre: as crenzas e valores relacionados co traxe, na influencia que na indumentaria tiveron os poderes relixiosos, económicos e políticos, e sobre os aspectos sociolóxicos relacionados coa indumentaria tradicional, como a dos artesáns da nosa indumentaria (zoqueiros, costureiras, etc).

- Documenten a feitura dun determinado traxe, non só amosando e catalogando as pezas que o compoñen, senón tamén investigando quen foi o autor ou autora do mesmo, que técnicas de elaboración foron empregadas na transformación das materias primas e tamén na tecedura, nos adobíos e nos enfeites das mesmas.

O xurado desta edición do Premio estará composto por Ana Blanco Gómez, da Fundación Rosalía de Castro; Xesús Ferro Ruibal, do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades; e Xosé Manuel González Reboredo, do Padroado do Museo do Pobo Galego

Asociación do Traxe Galego
A Asociación do Traxe Galego é unha entidade cultural sen ánimo de lucro que, coa axuda dos seus máis de 300 socios, vén traballando dende distintas vertentes sobre o obxectivo xeral da promoción, dignificación e uso do noso traxe tradicional. Dende 1995, a Asociación promove anualmente o único premio de investigación sobre o traxe tradicional existente en Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: