PLENO

A Corporación compostelá acorda por unanimidade a posta en funcionamento de atención integral ás persoas sen fogar

09/11/2015 O Pleno da Corporación acordou este luns, por unanimidade, instar ao Goberno a poñer en marcha un programa de atención integral ás persoas sen fogar. Foi a proposta de Compostela Aberta, que na moción que levou á sesión ordinaria de novembro tamén propuña instar a outras administracións a que se corresponsabilicen na abordaxe desta problemática.

A moción presentada polo grupo de Goberno, e que contou co apoio dos outros tres grupos da Corporación, sinala que é preciso traballar de forma conxunta coas entidades sociais e, na medida do posible, con outras administracións públicas, para elaborar un modelo de intervención que permita abordar de forma estrutural a situación extrema de vulnerabilidade social.

Entre as medidas concretas aprobadas onte figuran a posta en marca dun equipo de rúa que ofreza acompañamento social e sanitario ás persoas se fogar, o acceso gratuíto a pensións nas que poidan pasar a noite, e a posta en marcha das denominadas "Vivendas municipais de saída", que poderán servir de fogares permanentes.

Infraestruturas
En materia de infraestruturas, no Pleno foron aprobadas por unanimidade unha moción do BNG na que se instaba ao Goberno local a dotar á parroquia de Aríns de medidas de seguridade viaria, e outra do PP para solicitarlle á Xunta a execución do proxecto de dúas sendas peonís: na estrada Santiago-Noia e na rúa Xunlla para enlazar co lugar de Larañiño. Neste caso, o concelleiro de Medio Rural quixo aclarar que os proxectos elaborados ao respecto na pasada lexislatura contan con informes desfavorables, polo que será necesario reiniciar o proceso.

Doutra banda, os catro grupos da Corporación presentaron unha moción conxunta para incluír o itinerario da estrada provincial que comunica Santiago con Figueiras na negociación para a formalización dun convenio para a execución da conexión peonil entre o centro de Compostela e áreas limítrofes de Ames.

Relacionadas coa transparencia, a Corporación deulle luz verde por unanimidade a outras dúas mocións. A primeira, impulsada polo BNG, avogaba pola posta en marcha de medidas que incrementen a transparencia e a responsabilidade social na xestión do Goberno municipal, e a segunda, presentada polo PSOE, insta ao executivo a poñer en marcha as medidas oportunas para que os plenos sexan retransmitidos a través de Internet.

Compartir: