ACCIÓN CULTURAL

A coreana "Hai-Hil (Man On High Heels)" e o novo de Ulrich Seidl, filmes estrela da xornada do martes en Cineuropa

09/11/2015 Cineuropa estrea en España Hai-Hil (Man On High Heels), do coreano Jang Jin, unha mestura de drama e thriller descarnado a partes iguais centrada nun policía transxénero, violentamente capaz de calquera cousa para deter aos criminais, e intimamente inmerso nunha crise, na procura da súa propia identidade sexual. O filme, que se proxectará no Teatro Principal ás 18:00 h, é escuro, desapacible e de impecable factura técnica

A segunda estrea do día é Im Keller (In the Basement), o último de Ulrich Seidl, o austríaco ácido e extravagante que coñeceramos hai tres anos con aquela orixinal triloxía Paradise: Love, Faith e Hope. Im Keller, documental que trata das obsesións e tolos segredos que os austríacos ocultan nos seus sotos, destila un irresistible e delirante humor negro. A cita con Seidl é no Salón Teatro ás 23:00 h.

The misplaced world, de Margarethe von Trotta tamén se proxectará por vez primeira no festival ás 21:15 h no Salón Teatro. A cineasta alemá cóntanos a viaxe de Sophie, con pinceladas autobiográficas, na procura dunha muller que se asemella á súa nai morta.

Este martes proxectarase o segundo pase de Son of Saul, o magnífico filme de László Nemes (ás 20:15 h no Teatro Principal); o último de Our Little Sister, de Hirokazu Kore-eda (Teatro Principal ás 22:15 h); Victoria, de Sebastian Schipper (tamén no Principal ás 00:30 h); Invasión, de Abner Benaim (Salón Teatro ás 17:30 h); e a fermosa fábula de Naomi Kawase, An (no Salón Teatro ás 19:15 h).

Máis filmes doutras seccións nestas e noutras salas, como son o CGAC, a sede Afundación e o Auditorio de Galicia, ata completar a programación de 19 filmes que Cineuropa ten proxectada para esta xornada.

Direcciones relacionadas



Compartir: