PLENO

O Pleno aproba unha baixada do IBI ao 0,51 e a conxelación do imposto de vehículos

09/11/2015 Os votos do PP e do PSOE sacan adiante a emenda socialista á proposta de IBI do grupo de Goberno que sitúa este imposto no 0,51 para o vindeiro exercicio. Tamén se acordou gravar cun 50% de recargo ás vivendas baleiras porque, tal e como reflectiu a concelleira de Economía e Facenda na súa quenda, "é unha cuestión de xustiza social, posto que non pode haber vivendas sen xente e xente sen vivendas".

O tipo impositivo para os bens de natureza urbana e rústica (IBI) rebáixase ata o 0,51, tras retirar o PP a súa emenda de mantelo no 0,54 (que tamén defendía o BNG) e sumarse así á proposta presentada polo PSOE.

O Pleno da Corporación, cos votos do PP e do PSOE, rexeitaron gravar cun tipo impositivo do 0,90 ao 10% das propiedades non residenciais máis caras, quedando aprobado un tipo diferenciado do 0,54 para este tipo de propiedades.

Aprobouse a proposta do Goberno de introducir bonificacións no rural que irán dende o 30% ata o 90% pola carencia de un, dous ou tres servizos básicos para "diferenciar realmente entre a zona urbana e zona rural". Tamén se incorpora ás ordenanzas a emenda do BNG, apoiada por CA, de incrementar a bonificación do 25 ao 35% para as vivendas de promoción autonómica.

Ademais, quedou aprobado o fraccionamento do imposto e o pago á carta para que a veciñanza decida o momento para aboar este imposto.

Imposto de vehículos
O Pleno aprobou as emendas da oposición para conxelar o tipo impositivo, que queda no 1,5 xeral para todos os vehículos. Inclúense as bonificacións para vehículos híbridos, eléctricos e pouco contaminantes.

No tocante ao ICIO e o imposto de plusvalías, aprobouse a proposta do grupo do Goberno municipal.

Compartir: