PLENO

Aprobada unha declaración institucional que reclama un novo xulgado do social na cidade

09/11/2015 O Pleno aprobou hoxe unha declaración institucional na que os catro grupos da Corporación amosan o seu apoio á creación dun novo xulgado do social no Partido xudicial de Santiago de Compostela. O texto foi consensuado por Compostela Aberta, PP, PSOE e BNG despois da xuntanza que os seus voceiros mantiveron a semana pasada co decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira, para fixar unha posición conxunta na demanda de novos órganos xudiciais para a capital galega. Nesa reunión, presidida polo alcalde, Martiño Noriega, quedara de manifesto que os datos avalan a creación dunha nova Sala do Social, que alivie a carga de traballo das tres existentes ata o de agora en Compostela.

Na primeira quenda do Pleno ordinario de novembro, que continuará pola tarde, tamén foron aprobadas por unanimidade varias mocións. Así, saíron adiante a presentada polo PP para que se acondicione o Belvedere e o contorno fluvial onde se celebrou o Banquete de Conxo en 1856; e a moción asinada polo BNG para reclamar a incorporación de sistemas para protección de motoristas nos gardarraís do termo municipal.

Tamén a proposta do Bloque Nacionalista Galego e tamén por unanimidade, a Corporación acordou poñer en marcha as medidas necesarias para garantir que as obras de nova construción adopten criterios de accesibilidade. No debate puxéronse de manifesto as deficiencias nesa materia que foron detectadas na reforma da rúa Carreira do Conde. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, aproveitou para explicar que o Goberno local elaborou un informe ao respecto recollendo as queixas de Cogami. Segundo anunciou o edil, o concello non recepcionará as obras ata que se solucionen algúns destes aspectos.

Recordo ás vítimas da violencia machista
Cumprindo co acordado polo Pleno, a sesión ordinaria de novembro comezou cun recordo ás vítimas da violencia machista. A Corporación gardou tres minutos de silencio, un por cada muller que foi asasinada no último mes a mans das súas parellas ou exparellas.

Compartir: