EDUCACIÓN

Miguel Cerro recibe o VIII Premio Compostela de Álbums Ilustrados

05/11/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presidiu no Salón Nobre do Pazo de Raxoi o acto de entrega do VIII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, que recaeu en Miguel Cerro Circo, pola obra Después de la lluvia. Nesta edición do certame participaron 339 álbums ilustrados procedentes de 20 países.

O xurado acordara no mes de abril conceder o VIII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados á obra Después de la lluvia, de Miguel Cerro Rico (Córdoba). Na valoración destacouse, dende o punto de vista plástico, "a súa coherencia, o estudo minucioso das personaxes, o colorido e a composición".

Segundo indicaba o xurado, "a idea central deste álbum é salientar o valor da solidariedade, daquel que sempre axuda aos demais e que segue crendo no colectivo. Tamén destaca o afán de superación e a procura da felicidade inmaterial". Ademais, o xurado resalta "as diferentes interpretacións que resultan da lectura do texto".

Como finalista quedou a obra Anabela, a pinguim friorenta, de Ana Rita Pinheiro Marques dos Reis, de Tomar (Portugal), un álbum presentado en formato pop-up. O xurado tamén concedeu unha mención especial ao traballo ¿Amigos?, de Anabel Fernández Rey, de Bos Aires (Arxentina).

Esta edición do certame sobresaíu pola variedade dos 340 álbums presentados, procedentes de España, Portugal, Italia, Polonia, Alemaña, Bélxica, Reino Unido, Francia, Holanda, Malta, Arxentina, México, Chile, Estados Unidos, Canadá, Colombia, Brasil, Venezuela, Tailandia e Rusia.

Historia
O Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados é un certame convocado dende 2008 polo Departamento de Educación do Concello de Santiago, en colaboración coa Editorial Kalandraka. A iniciativa xurdiu no marco da Campaña de Animación á Lectura que este departamento municipal vén organizando dende o ano 2001, co obxectivo de enxalzar este xénero literario e artístico, e proxectar internacionalmente o nome da cidade, a través de publicacións de libros de calidade en varias linguas.

Trátase dun dos concursos internacionais con maior dotación económica no seu ámbito de especialización, con 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor, e cun significativo nivel de participación nas oito edicións, ao que se engade o prestixio do xurado que avalía as obras presentadas.

A convocatoria preséntase no último trimestre do ano e o fallo anúnciase en abril coincidindo co mes do libro, durante a Campaña Municipal de Animación á Lectura, para proceder á presentación da obra e á entrega do galardón transcorridos un seis meses, durante os cales se traballa no proceso de edición e produción da obra.

Kalandraka publica a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués- así como en inglés. A editorial pode publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial.

Compartir: