ACCIÓN CULTURAL

Novas sesións do programa "Imos ao baile" en Cornes e Santa Cristina de Fecha

05/11/2015 Este sábado, 7 de novembro, cita dobre co programa Imos ao baile, con sesións na Casa das Asociacións de Cornes e no Local Sociocultural de Santa Cristina de Fecha ás 17:30 horas.

O baile de Cornes estará amenizado pola orquestra Candela, mentres que a sesión en Fecha correrá a cargo do conxunto musical Channel.

Esta programación de bailes con orquestra responde á demanda dos propios maiores e aos beneficios saudables que reporta, tanto físicos como psíquicos. Por unha banda, afecta de maneira moi positiva á coordinación, aos músculos -fortalecéndoos e mellorando a súa flexibilidade, forza e resistencia-, á saúde postural e ao sistema cardiovascular, facilitando a circulación do sangue e o ton da pel. Por outra, no eido psíquico, o baile favorece a socialización, a relaxación, a autoestima e a confianza, pois está comprobado que bailar fomenta a confianza nun mesmo e a claridade de pensamento.

Participan da proposta 12 grupos musicais diversos, ben recoñecidos polo seu traballo neste ámbito e que gozan dunha boa acollida entre os usuarios deste programa habitual xa na rede de centros socioculturais.

Imos ao baile pretende ser un convite a participar e gozar na compaña doutros veciños e veciñas de Compostela en espazos relacionais como son os centros socioculturais da zona urbana e das parroquias e a Casa da Asociacións de Cornes.

Direcciones relacionadas



Compartir: