EMPREGO

Nace o Foro Colaborativo polo Emprego de Santiago, con máis de 1.400 inscritos

05/11/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, inauguraron esta xoves a primeira edición do Foro Colaborativo polo Emprego. Máis de 1.400 persoas inscribíronse para participar nas múltiples actividades do evento, cifra que amosa a necesidade de que a cidade contase cun encontro destas características para fomentar un mercado laboral de calidade.

O FOCO 2015 é unha evolución respecto dos anteriores foros de emprego que se desenvolvían dende o Concello, introducindo como principal novidade un enfoque moito máis participativo tanto dos propios demandantes de emprego como das empresas participantes e dos axentes sociais vinculados co mercado laboral da cidade.

A Axencia Local de Colocación tramitou, entre comezos de outubro e o 3 novembro, 89 ofertas de emprego para 129 postos de traballo. 1.408 inscribíronse cando menos nalgunha destas ofertas. No FOCO, as empresas farán parte do proceso de selección para estes postos de traballo. No FOCO tamén haberá entrevistas rápidas con empresas, concibidas como encontros e entrevistas personalizadas con empresas interesadas en preseleccionar candidatos para próximas contratacións. Nesta actividade participan 28 empresas. En total, xestionáronse 4.090 currículos.

Mesas de diálogo e formación
No FOCO tamén se celebrarán 17 mesas de diálogo para o emprego co obxectivo de coñecer e debater as próximas estratexias locais no eido do emprego. As persoas asistentes poderán coñecer as propostas extraídas dun proceso participativo que se iniciou no verán con expertos e axentes sociais da cidade e no que participaron ademais 250 persoas que cubriron unha enquisa na web da Axencia Local de Colocación. Pero os asistentes tamén poderán aportar novas achegas e priorizar as existentes, para así colaborar no deseño das políticas de emprego do Concello. Hai máis de 1.000 inscricións para participar nestas mesas.

Ademais, o FOCO2015 inclúe a realización de actividades formativas. Con propostas como "Recoñecemento da experiencia profesional", seminarios prácticos para a introdución ás redes sociais para a busca de emprego, "Trámites legais para o bo funcionamento dun negocio de hostalería" ou "Os certificados de profesionalidade. Que son, como se obteñen, requisitos de acceso".

O acceso ao Foro é aberto, de modo que as persoas asistentes poden acudir, sen necesidade de inscrición previa, a unha zona de stands con empresas ou participar en presentacións de empresas e de experiencias no ámbito da economía social, así como enviar currículos en formato dixital a diversos portais de recrutamento desde un espazo de terminais.

O Foro Colaborativo polo Emprego é unha actividade do Programa Local de Apoio ao Emprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, que leva a cabo o Concello de Santiago xunto coa Cámara de Comercio de Santiago.

Direcciones relacionadas



Compartir: