ALCALDÍA

O Concello e a Fundación Amancio Ortega avanzan nos trámites para a construción en 2016 da escola infantil do Castiñeiriño

05/11/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, reuníronse en Raxoi co director da Fundación Amancio Ortega, Óscar Ortega, e cos arquitectos encargados do proxecto da que será a nova escola infantil do Castiñeiriño. Será a Fundación a que constrúa este novo equipamento nunha parcela cedida polo Concello e a escola quedará incluída na rede autonómica de escolas infantís de A Galiña Azul.

Segundo indicou Martiño Noriega, esta colaboración entre o Concello, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a Fundación Amancio Ortega quedará plasmada nun convenio marco a asinar en breve. Lembrou que o proxecto básico xa está na fase final de tramitación, polo que faltaría o proxecto de execución e a realización material da obra, que os arquitectos estiman en oito meses.

Deste xeito, para finais de 2016 podería estar listo este equipamento educativo, "necesario para a cidade e para un barrio cun importante desenvolvemento urbanístico nos últimos anos coma o do Castiñeiriño". A nova escola infantil terá seis unidades e ofrecerá máis de 80 prazas para nenos de 0 a 3 anos. A Fundación Amancio Ortega investirá preto de 1,4 millóns de euros na súa construción.

Compartir: