ALCALDÍA

O Concello procura o consenso na demanda da construción urxente da nova EDAR

04/11/2015 O Goberno local quere que a construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais non se siga adiando, e por iso vén mantendo contactos cos colectivos afectados dun ou doutro xeito por este proxecto. Esta tarde, o alcalde e o concelleiro de Medio Ambiente recibiron no Pazo de Raxoi os representantes da Plataforma pola Recuperación do Sar, co seu presidente, Xosé Manuel Penas Patiño, á cabeza.

Na xuntanza, Martiño Noriega e Xan Duro coincidiron cos membros da Plataforma en que a construción da nova EDAR é unha necesidade inaprazable. O alcalde e o concelleiro deron conta da intención do Goberno compostelán de solicitar xuntanzas coa Xunta, o Ministerio de Medio Ambiente, o concello de Ames, distintas plataformas, e cos grupos da oposición, para lograr un consenso que permita reivindicar a depuradora, na ubicación acaída aos intereses de todos.

Reunión coa Plataforma de Afectados pola Depuradora da Silvouta
Despois da xuntanza coa Plataforma pola Recuperación do Sar, o concelleiro de Medio Ambiente mantivo un encontro cos responsables da Plataforma de Afectados pola Depuradora da Silvouta. Foi unha primeira toma de contacto para coñecer este colectivo e as súas reivindicacións. As dúas partes amosaron o seu interese en establecer lazos de colaboración, para conseguir que Compostela teña unha EDAR que atenda ás súas necesidades, e que non cause maiores prexuízos á veciñanza.

Compartir: