POLÍTICAS SOCIAIS

A concelleira de Políticas Sociais reúnese co Foro Galego da Inmigración

04/11/2015 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, recibiu no Pazo de Raxoi o Foro Galego da Inmigración, cos que falou sobre unha moción a levar ao próximo Pleno sobre os centros de internamento de estranxeiros (CIE). O obxectivo pasa agora por reunirse co resto de grupos políticos para elaborar unha declaración conxunta que poida ser aprobada pola Corporación. Na moción quere manifestarse o compromiso do Concello en traballar pola erradicación do racismo na cidade e pola igualdade de dereitos e oportunidades para toda a cidadanía.

Outro dos aspectos a recoller na moción pasa por manifestar o compromiso de emprender medidas municipais en base á legalidade e competencias existentes, co obxectivo de garantir que ningunha persoa sexa identificada e detida por cuestións raciais e privada de liberdade polo feito de atoparse en situación administrativa irregular. En base a iso, comunicaríase aos diferentes corpos policiais que actúan na cidade, de forma escrita e mediante os organismos de coordinación existentes, a oposición do Concello á identificación baseada en perfil racial, a detención e traslado aos CIE de ningún veciño ou veciña do municipio.

O Foro Galego da Inmigración destaca que en Santiago hai case 300 persoas en situación irregular, ás que se lle esixe que acrediten ter cotizado á Seguridade Social cando menos 12 dos últimos 24 meses. A concelleira de Políticas Sociais instou "ao Goberno do Estado español a que cesen as deportacións exprés, mediante as cales a policía deporta a veciños e veciñas do municipio baixo un réxime de detención de 72 horas, sen previo aviso e sen que medie ningún tipo de asistencia letrada" e que derogue o Protocolo de Deportación de 2007, que permite a sedación forzosa ou a súa inmobilización con correas ou camisas de forza.

Actividades
Este domingo ás 16 horas no Centro Sociocultural de Cornes realizarase un evento intercultural para unir a persoas da cidade con persoas migrantes, co fin de motivar as persoas e loitar contra as dificultades coas que se atopan. Haberá actividades de tipo lúdico, festivo e gastronómico.

Compartir: