MOBILIDADE

Arranca o proceso participativo para consensuar o Pacto pola Mobilidade

04/11/2015 O Goberno local quere elaborar un novo Plan de Mobilidade Sostible, e aspira a que ese documento goce dun consenso social que non tiveron ata agora documentos semellantes, de xeito que se garanta a súa aplicación a longo prazo. Para iso, o primeiro paso será asinar un gran Pacto pola Mobilidade. Os traballos para logralo comezarán o próximo día 10 de novembro, cunha xuntanza na que participarán diferentes axentes sociais de Compostela e representantes dos municipios da comarca.

O concelleiro de Espazos Cidadáns e Mobilidade, Jorge Duarte, deu conta este mércores dos pasos a dar para lograr o gran Pacto pola Mobilidade. O primeiro será esa reunión, o día 10, ás 20:00 horas, no Auditorio de Galicia. A ela están convidados representantes de partidos políticos, da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta, de asociacións de veciños, de empresas de transporte e de colectivos que fomentan medios de transporte alternativos como a bicicleta, entre outros axentes sociais. Tamén asistirán representantes doutros concellos da comarca de Santiago, porque se entende que os problemas de mobilidade que sofre a capital galega teñen moito que ver cos fluxos procedentes deses municipios.

Despois desa primeira xuntanza, estableceranse tres grupos de traballo sobre tres áreas temáticas distintas: fomento dos medios de transporte brandos, o vehículo privado e as políticas de aparcadoiro, e os medios de transporte público.

Ao tempo, a cidadanía en xeral poderá facer as súas aportacións ao proceso a través de dúas vías: na páxina web www.santiagodecompostela.gal/pactomobilidade, e a través da conta de Twitter de @maisbus, co hashtag #MoveCompostela.

Con estas ferramentas, segundo explicou o concelleiro Jorge Duarte, quérese "definir o modelo de mobilidade que queremos para Compostela, unha guía que debe servir para futuras xeracións". Para o concelleiro de Mobilidade, "o compromiso entre todos e todas para definir o reparto no uso do espazo público supón o inicio dunha andadura xuntos por parte da administración, tecido asociativo, representantes da sociedade civil, e de todos aqueles que se atopen en condicións de sumar a este pacto".

Principios xerais do Pacto pola Mobilidade
O debate cos axentes sociais de cara a chegar a un Pacto pola Mobilidade xirará ao redor de oito eixos:

1.-Polo dereito á cidade: mellorar a calidade de vida dos cidadáns e lograr un urbanismo que prime á veciñanza fronte ao coche.
2.-Por unha cidade inclusiva e accesible: os espazos públicos deben estar adaptados a toda a poboación e toda a veciñanza debe poder moverse pola cidade libremente.
3.-Por unha cidade saudable: hai que reducir as emisións contaminantes e o ruído derivados dos medios de transporte.
4.-Pola soberanía enerxética: hai que potenciar os desprazamentos non motorizados a pé ou en bicicleta para diminuír a dependencia do petróleo do noso modelo de mobilidade.
5.-Pola seguridade: garantir que os nenos, maiores, e persoas con mobilidade reducida poidan facer uso do espazo público, calmando o tráfico de vehículos privados.
6.-Por unha cidade de proximidade: apostar por un compromiso coa cidade compacta e cun urbanismo de proximidade que facilite unha mobilidade sostible.
7.-Polo dinamismo económico: a mobilidade debe favorecer as actividades terciarias, contribuíndo así ao dinamismo económico do territorio.
8.-Pola integración de todos os colectivos e administracións: o Pacto pretende integrar a todos os colectivos e axentes sociais, e ao mesmo tempo reclama ás demais administracións que se sumen a esta aposta pola mobilidade sostible e realicen os esforzos lexislativos, políticos e orzamentarios que sexan necesarios.

Plan de Mobilidade
Cando se peche todo o proceso participativo, e tendo en conta as achegas de todos os axentes sociais e da veciñanza, o Goberno elaborará un novo Plan de Mobilidade Sostible de Compostela. O Concello non se fixa ningún prazo para ter elaborado ese documento, pero confía en telo elaborado nun ano.

Compartir: