FACENDA

María Rozas insiste en que a proposta do Goberno municipal en relación ás ordenanzas é "gravar máis aos que máis teñen"

04/11/2015 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, afirmou na rolda de prensa posterior á Comisión de Facenda que a proposta do Goberno municipal para a aprobación das ordenanzas pasa por "gravar máis a quen máis ten", o que implicaría incrementar o tipo para o 10% das propiedades non residenciais máis caras. Para María Rozas, trátase de "xustiza social, de que máis ten aporte máis para poder cumprir o obxectivo de duplicar o gasto social a 100 euros por habitante e ano".

A concelleira de Facenda explicou que este xoves haberá outra reunión da Comisión de Facenda ás 16:00 horas para negociar as alegacións presentadas polos grupos. Recoñece María Rozas que o Goberno continúa "aberto a negociacións, pero que estas implican cesións por todas as partes". O Goberno local estaría disposto a valorar o tipo impositivo de IBI urbano, que propón fixar nun 0,57 e o valor catastral máximo para as vivendas das familias numerosas.

Reequilibrio territorial
O tipo impositivo conxélase no rural no 0,54, incorporándose bonificacións do 30% para as vivendas con carencia dun servizo básico; do 60% para as que carezan de 2; e do 90% para as que carezan de ata 3 servizos básicos. Con esta proposta, asegura María Rozas que "pasamos das palabras aos feitos, con medidas reais para o rural. Nas últimas lexislaturas falábase de acabar cos desequilibrios entre a zona urbana e a rural, pero non se tomaban medidas".

Vivendas baleiras
Santiago incorpora nesta proposta de ordenanzas un recargo do 50% ás vivendas baleiras "para facer presión e á espera de que o Goberno central faga os deberes e defina que é unha vivenda baleira". Entende a edil de Facenda que "así Santiago estará preparada para aplicar este recargo no momento no que mude a lexislación estatal ou autonómica". Trátase dunha medida que incorporan numerosos municipios en España e que se introduce por primeira vez na nosa cidade.

Aumento de bonificacións
A concelleira insistiu en que moitas das bonificacións veñen aumentadas ata o máximo legal, como a bonificación para as vivendas de promoción autonómica en construción (que pasan do 70 ao 90%) ou as vivendas de promoción xa construídas, que pasan do 40 ao 50% de bonificación. Ademais, introdúcese un criterio de ingresos para as familias numerosas e non so de valor catastral do inmoble, acadándose unha bonificación do 90% para as familias con ingresos de menos de 500 euros ao mes.

Compartir: