TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade na World Travel Market de Londres

03/11/2015 Turismo de Santiago está a promocionar a cidade na World Travel Market, a feira turística máis importante do mercado británico, que ten lugar en Londres entre o 2 e o 5 de novembro. Prevese a participación de máis de 50.000 profesionais do sector. Arredor do 50% deles son británicos, pero tamén hai unha importante presenza de profesionais europeos e asiáticos.

O primeiro día do evento destínase aos membros aos membros de WTM Buyers Club, asociación con 11.000 membros que une aos principais profesionais do sector turístico, e a os invitados, tanto da organización como das entidades participantes. Dende Turismo de Santiago enviáronse unhas 75 invitacións para profesionais que poden estar interesados no mercado compostelán, para amosarlles os atractivos e posibilidades da cidade para os turistas británicos.

Os dous días seguintes estarán dedicados aos visitantes profesionais e o último día ao público xeral. Turismo de Santiago contará cun mostrador no stand de Turespaña, onde amosará os seus recursos aos visitantes. Ademais, participara nunhas sesións de reunións rápidas con compradores nunha accion denominada "Speed Networking".

O Reino Unido é un mercado prioritario para Santiago, que se atopa nun momento de expansión na cidade. O máximo de pernoctacións de turistas do Reino Unido nos hoteis da cidade logrouse no ano 2007, cando se alcanzaron as 45.084. A partires dese ano, comezou un descenso do turismo do Reino Unido, que se prolongou ata o ano 2011, cando se baixou ata a cifra máis baixa da serie histórica, con apenas 17.914.

Non obstante, no 2012 comezou unha importante recuperación deste mercado, que no 2014 chegou ata as 37.942 pernoctacións. A previsión é que neste ano 2015 continuase o crecemento e se podan superar as 40.000 pernoctacións. O obxectivo a medio prazo é continuar crecendo neste mercado e consolidalo por riba das 50.000 pernoctacións anuais.

Compartir: