ACCIÓN CULTURAL

"Le Nouveau" inaugura o festival Cineuropa

03/11/2015 A película coa que se inaugurará esta XXIX edición de Cineuropa será Le Nouveau, unha entrañable comedia sobre esa complexa etapa vital que é a preadolescencia. O acto inaugural será este venres, 6 de novembro, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, e a entrada será de balde previa retirada de invitacións no despacho do Teatro Principal (as invitacións poden recollerse dende a tarde do xoves).

Cineuropa celébrase nesta 29ª edición do 6 ao 29 de novembro en cinco salas da cidade: Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC, Sede Afundación e Auditorio de Galicia. Toda a programación do festival será presentada este mércores 4, ás 12:00 horas, na Casa do Concello, polo alcalde da cidade, Martiño Noriega, e o director do festival, José Luis Losa. A continuación poderá consultarse na web do Festival, que dende este ano e xa con carácter fixo para os vindeiros será cineuropa.gal.

La Nouveau
O protagonista do filme é Benoît, un rapaz de catorce anos que abandona o campo para instalarse en París. Agora ten que cambiar de escola e atopar o seu sitio. Benoît descubrirá amigos, non amigos, amores e desamores. Aparentemente nada novo, pero a diferenza estriba no toque persoal do francés Rudi Rosenberg, que ilustra esa etapa con delicioso humor e moita tenrura, pero fuxindo dos sentimentalismos. Iso valeulle o Premio Novos Realizadores do Festival de Cinema de San Sebastián.

Compartir: