ALCALDÍA

O Pleno da Corporación aprobará unha declaración institucional para reivindicar un novo xulgado do social en Compostela

03/11/2015 O alcalde convocou este martes unha xuntanza co decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira, e cos voceiros dos catro grupos municipais, para fixar unha posición conxunta na demanda de novos órganos xudiciais para Compostela. Na reunión quedou evidenciada a necesidade de que a capital galega conte cunha nova Sala do Social que alivie a carga de traballo das tres existentes ata o de agora.

O decano do Colexio de Avogados explicou que en Compostela estáse tardando unha media de tres anos para a celebración de xuízos en asuntos tan sensibles como a solicitude dunha prestación á Seguridade Social, "un atraso que non é de recibo cando estamos a falar de cuestións que teñen que ver cos dereitos humanos. Evaristo Nogueira comprometeuse a aportar os datos detallados, que avalan o déficit que ten Santiago nesta materia.

O alcalde e os voceiros dos catro grupos municipais acordaron levar ao próximo Pleno da Corporación unha declaración institucional que fixe unha "posición de cidade" nas reclamacións para que Compostela opte a ese novo órgano. Martiño Noriega incidiu en que existe consenso, non só entre os grupos políticos, senón tamén cos axentes sociais da cidade. O rexedor lembrou que a comisión que recomenda a ubicación dos novos órganos xudiciais aínda non se pronunciou, polo que considera que "é importante amosar esta unanimidade á hora de establecer interlocución coa Xunta e co estamento xudicial para facer presión e lograr que Compostela conte cun novo xulgado do social".

Compartir: