MOCIDADE

O programa "Compostela Actúa" incorpora un grupo de danza e inicia os castings

03/11/2015 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, presentou a terceira edición do programa Compostela Actúa, de dinamización das artes escénicas e musicais. Esta iniciativa pretende fomentar a creatividade dos mozos e mozas de Santiago, ofrecendo unha alternativa divertida e formativa no ámbito da música e da escena. Nesta nova edición incorpórase un cuarto grupo, de danza, que se suma aos xa existentes de coro, teatro e música.

O programa Compostela Actúa está dirixido a mozos e mozas de 15 a 30 anos. Poden participar en catro grupos de actividade, con 12 integrantes cada un, seleccionados a través duns castings. Estas probas de selección serven para sumar novos integrantes, xa que os participantes de edicións anteriores teñen tamén a posibilidade de seguir.

Un dos grupos é o Glee Club, un coro que se forma para a para a aprendizaxe musical e de canto. Realízanse covers e performances de grandes éxitos e de cancións actuais, de todos os estilos musicais. É un grupo aberto á creatividade dos participantes, xa que poden compoñer as súas propias obras para despois cantalas.

Outro dos grupos é o denominado 4ª Parede, un taller para introducirse no mundo da actuación no que se interpretan diversas obras e teñen cabida todas as ramas e tipos do teatro. É un grupo aberto no que os participantes poden escribir igualmente as súas propias obras e representalas.

A terceira alternativa é Instrumentals, unha actividade pensada para aprender a tocar nun grupo de música. Ensáianse se cancións de todas as épocas e estilos musicais, achegando un toque moderno e actual. Os membros do grupo traen os seus propios instrumentos, sempre que sexa posible, cos que actúan na formación musical (guitarra eléctrica, española, batería, teclado…). A composición é unha das facetas desta proposta. De feito, na rolda de prensa puido verse un vídeo da gravación dun tema propio a cargo de The Candidates, grupo saído de Compostela Actúa.

A novidade desta edición é o grupo [em[En pé de danza. É un taller para adquirir nocións de danza moderna e contemporánea, a través do exercicio técnico e de distintas coreografías, aprendendo a expresar enriba do escenario ideas, sentimentos e emocións, con base de clásico e movemento corporal.

Castings
Cada actividade está formada por un máximo de 12 participantes, que deben ensaiar dúas veces por semana cun mestre que os forma na dinámica e na temática do taller ao que asisten. Estas catro propostas desenvolveranse dende finais deste mes de novembro ata o remate do curso escolar en xuño.

Os castings para elixir os 12 participantes en cada un dos talleres terán lugar o martes 17 de novembro, de 16:30 a 19:30, para os grupos de teatro e música; o xoves 19 de novembro, no mesmo horario, para os grupos de danza e coro; e o sábado 21 de novembro, de 17:15 a 20:00 horas, para as catro disciplinas. As probas terán lugar no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche.

Tamén nesta edición organizaranse representacións e concertos co fin de dar a coñecer o traballo realizado ao longo dos meses en cada unha das actividades. Ademais, cada certo tempo, os grupos compartirán clase, facendo así postas en escena comúns. Ademais, este ano, segundo indicou Maite Pérez, coordinadora do proxecto, haberá novas propostas formativas.

Compartir: