ACCIÓN CULTURAL

"Roxos e Marcianos: a Caza de Bruxas en Hollywood", ciclo temático no programa da XXIX edición de Cineuropa

02/11/2015 O ciclo temático Roxos e Marcianos: a Caza de Bruxas en Hollywood será unha das propostas do programa da XXIX edición de Cineuropa. Ofrecerá unha amplísima retrospectiva do cinema que estivo no ollo do furacán durante aquel período pre-fascista que viviron os Estados Unidos na Guerra Fría.

Abordaranse películas realizadas durante a Segunda Guerra Mundial, cando a Unión Soviética e Estados Unidos eran aliados, e a visión da URSS era incluso amable, en filmes como Mission To Moscow (Misión en Moscova), Counter-Attack (Contraataque) ou Days of Glory (Días de gloria). Hai tamén nesta liña películas abertamente favorables á República Española, como Blockade (Bloqueo) e The Fallen Sparrow (Perseguido).

A partir de 1947, coa creación do Comité de Actividades Antinorteamericanas, Hollywood vive o medo e comezan a realizarse películas de furiosa propaganda anticomunista como The Iron Curtain (O pano de aceiro) ou I was a Communist for the FBI. E desenvólvese unha curiosa corrente: a de inocular nas películas de ciencia-ficción de serie B mensaxes encubertos onde o alieníxena era o perigo do "planeta vermello". Así, exhibiranse títulos como Red Planet Mars (Marte, o planeta vermello) ou The Angry Red Planet (A furia do planeta vermello.

Neste ciclo conflúen as forzas en bandos opostos de figuras como Elia Kazan, Arthur Miller -ao que Cineuropa dedica tamén un ciclo-, Joseph Losey, Gary Cooper, John Wayne, John Garfield, o senador McCarthy, Nixon, Stalin ou os guionistas coñecidos como os "Dez de Hollywood".

Compartir: