EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Reunión da Comisión de Educación e Cultura do Grupo de Cidades Patrimonio

25/09/2015 Este venres celebrouse na sede da Casa Árabe en Madrid a reunión de constitución da nova Comisión de Educación e Cultura do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, tras as recentes eleccións municipais. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, asistiu a esta xuntanza.

Na reunión realizouse un repaso aos distintos programas que esta Comisión vén desenvolvendo o campo da educación e a cultura, vinculando sempre a riqueza patrimonial que atesouran as cidades da rede coas numerosas actividades pedagóxicas, musicais, expositivas e concursos que se organizan desde a área. Ademais, expuxéronse as bases para os proxectos a desenvolver nos vindeiros meses.

Aula de Patrimonio
Na Área de Educación, destaca a terceira edición de Aula de Patrimonio, o programa pedagóxico dirixido a escolares de Secundaria das 15 cidades para o curso académico 2015-2016, que ten o obxectivo de que o alumnado que vive e estuda nas Cidades Patrimonio aprenda a coñecer e valorar non só a súa propia cidade, senón o resto de cidades que ostentan o mesmo título outorgado pola UNESCO.

Os grupos seleccionados para participar neste programa serán ao mesmo tempo grupo anfitrión, encargado de acoller e ensinar a súa cidade a outro grupo de escolares procedente doutra Cidade Patrimonio distinta da súa, e grupo visitante que viaxará á cidade elixida de entre as que forman o Grupo. Visitas teatralizadas, talleres, representacións teatrais, concursos, xincanas, comidas de convivencia e outras moitas actividades servirán de espazo común de intercambio, enriquecemento e descubrimento de novos valores para os mozos participantes en Aula de Patrimonio, que no curso pasado alcanzou 400 alumnos.

A participación dos centros seleccionados será gratuíta, de maneira que os gastos da viaxe do grupo (transporte, aloxamento e manutención) correrán por conta por conta do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

Para o curso académico 2015-2016 o tema dos traballo que deberán realizar os centros que desexen participar será "As Cidades Patrimonio da Humanidade, espazos de convivencia, respecto, integración e interculturalidade"
As bases de participación lanzaranse nos próximos días e o prazo límite para enviar a solicitude polos centros será o 30 de novembro.

Música clásica e exposición itinerante
No eido cultural, organizarase un segundo ciclo de música clásica tras o éxito da primeira edición. Este programa, co título Música de Cámara nas Cidades Patrimonio da Humanidade, realízase coa colaboración da Fundación Albéniz e permitirá levar a partir de febreiro de 2016 a escenarios históricos das 15 cidades unha coidada selección de música de cámara interpretada por agrupacións procedentes da Escola Superior de Música Raíña Sofía, un dos máis prestixiosos centros de ensino musical do mundo.

A exposición itinerante 15 fotógrafos, 15 cidades únicas continuará o seu percorrido polas cidades de Mérida, Córdoba e Santiago tras pasar polas salas de Alcalá de Henares, Eivissa, Cáceres, Toledo, Cuenca e Baeza. A mostra reúne unha selección dos mellores fotógrafos destas cidades, que ofrecen unha visión artística de primeira orde destes conxuntos monumentais. O comisariado da exposición recae no director da Fundación Antonio Saura de Cuenca, Miguel López.

Compartir: