POLÍTICAS SOCIAIS

Os concellos de Santiago e da Coruña deseñarán fórmulas de colaboración en materia de servizos sociais

26/09/2015 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, mantivo este venres unha xuntanza de traballo coa edil de Xustiza Social e Emerxencia da Coruña, Silvia Cameáns, que serviu como unha primeira toma de contacto de cara a establecer unha rede de colaboración entre ambos concellos en materia de servizos sociais. Concha Fernández asegura que nesa xuntanza se tratáron temas como a emerxencia e a exclusión social, ademais de artellar unha alianza coa que esixir á Xunta de Galicia e Goberno central que revirta os recortes en servizos sociais e dependencia.

Na reunión, que se desenvolveu nun clima cordial, as dúas edís analizaron a posibilidade de establecer colaboracións para mellorar os servizos de ambos concellos. "Trátase de traballo en rede. Buscamos colaboracións que nos permitan mellorar os nosos servizos, retroalimentándonos das nosas propias experiencias municipais, xa que o que funciona nun concello, pode non facelo noutro, e ao revés", indicou Concha Fernández.

Entre outras cuestións, durante a reunión, as concelleiras abordaron temas como o estado dos plans municipais de emerxencia social ou como reformular o sistema de servizos sociais para que ofreza maiores saidas aos problemas da cidadanía.

Compartir: