CONVIVENCIA

O Goberno local e os Bombeiros empezan a negociar o Plan Director do Corpo

25/09/2015 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia reuniuse este mediodía coa Xunta de Persoal e co xefe dos Bombeiros de Santiago, Xesús Martínez, para avanzar na redacción do Plan Director do Corpo. Xan Duro estudou a proposta presentada polos traballadores, que considera un bo punto de partida para o que terá que ser o documento final.

O borrador presentado polos representantes dos bombeiros establece sete liñas estratéxicas, con distintos obxectivos e accións concretas para cada unha delas. A primeira pasa por conseguir "un Corpo de Bombeiros acaído para Compostela", adaptando a relación dos postos de traballo e os servizos mínimos ás necesidades da capital galega. A segunda liña estratéxica da proposta de Plan Director fala da necesidade de ter "un Corpo de Bombeiros preparado para actuar", promovendo unha formación básica de calidade, aclarando os dereitos e deberes do persoal, e garantindo sempre unha intervención de calidade.

Un Corpo de Bombeiros máis moderno e eficaz
O Plan Director persegue o obxectivo dun equipo de bombeiros moderno, o que implicaría melloras nas instalacións actuais, nos equipamentos e na formación en Prevención de Riscos Laborais, así como a integración das novas tecnoloxías na actividade diaria dos bombeiros.

A proposta analizada na reunión desta mañá entre o concelleiro Xan Duro e a Xunta de Persoal dos Bombeiros tamén fala da posible ampliación de competencias do Corpo para mellorar o servizo aos cidadáns, e para ter unha maior presenza na sociedade. Por último, o Plan Director apunta a posibles accións dirixidas a mellorar a organización dos bombeiros e reclasificar os postos de traballo.

Total sintonía cos mandos e coa Xunta de Persoal
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia amosou a súa satisfacción pola "total sintonía cos mandos e coa Xunta de Persoal dos bombeiros sobre as necesidades do servizo, abandonado polas anteriores corporacións". Xan Duro lembra que dende 2006 non se incorporaron novos bombeiros ao cadro de persoal, as instalacións do Corpo están obsoletas, e algúns dos camións teñen ata 32 anos de antigüidade. O edil recoñece que "a capacidade de resposta dos bombeiros mantense pola súa dedicación, malia uns medios deficitarios". O concelleiro e os Bombeiros manterán novas reunións para planificar e temporalizar a recuperación do servizo.

Compartir: