ALCALDÍA

Santiago e Oroso recuperan o proxecto das Vías Verdes a Compostela

25/09/2015 O alcalde de Santiago recibiu hoxe ao seu homólogo en Oroso, dentro da rolda de contactos que vén mantendo cos rexedores da comarca. Martiño Noriega e Manuel Mirás repasaron os asuntos que teñen en común os dous municipios, e amosaron o seu desexo de recuperar o vello proxecto das Vías Verdes a Compostela.

Os alcaldes de Santiago e Oroso queren reactivar un acordo que fora asinado en 2008 entre os dous concellos e que tiña como obxectivo utilizar as vías do tren actualmente en desuso, para transformalas en rutas perfectas para a práctica do sendeirismo ou do ciclismo. Nos municipios de Compostela e Oroso existen 24 quilómetros destes camiños de ferro sen utilizar, e unha vez acondicionados terían un grande atractivo polo interese natural, paisaxístico e sociocultural.

Ademais, Martiño Noriega e Manuel Mirás amosaron o seu desexo de colaborar na posta en valor das beiras do Tambre e da Área Recreativa do Refuxio.

Frustración co Plan de Transporte Metropolitano
Como viña acontecendo nas reunións previas cos alcaldes da comarca, Martiño Noriega e Manuel Mirás falaron tamén do Plan de Transporte Metropolitano. Os dous rexedores coinciden na frustración que existe polo seu mal funcionamento. O alcalde de Santiago explicou que "o transporte metropolitano é unha das maiores preocupacións da veciñanza da Gran Capital". Noriega sinalou que "Compostela non se pode seguir poñendo de perfil ante este problema, porque mentres non se resolva non hai plan de mobilidade que valga".

Os alcaldes de Compostela e Oroso coinciden en que só hai dúas alternativas para mellorar a conectividade por autobús na comarca: procurar unha maior coordinación coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta ou estudar fórmulas de xestión entre os concellos, dentro do marco da legalidade.

Compartir: