ALCALDÍA

O alcalde reúnese cos responsables do Padroado do Museo do Pobo Galego

25/09/2015 O alcalde de Santiago vén de realizar unha visita ao Museo do Pobo Galego, acompañado polos membros do seu Padroado. Martiño Noriega tomou boa nota dos proxectos máis inmediatos da institución, que preside Xusto Beramendi.

Os responsables do Padroado do Museo do Pobo Galego explicáronlle ao alcalde as súas intencións de renovar o centro, tal e como se recolle no Plan Director do Museo, que financiou o Consorcio de Santiago. Martiño Noriega manifestou a súa intención de apoiar a entidade neste proceso, na medida das posibilidades do Concello.

O Museo do Pobo Galego foi creado en 1976, cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos. As súas primeiras salas inauguráronse en 1977, no antigo convento de San Domingos de Bonaval, cedido polo Concello de Santiago. En 1993, a Xunta aprobou un Decreto que lle deu competencias para actuar como centro sintetizador de todos os museos e coleccións públicos e privados, integrados no sistema galego de museos dedicados ao estudo, promoción e difusión do patrimonio histórico-antropolóxico de Galicia.

O sostemento do Museo do Pobo Galego está garantido polas achegas económicas e materiais dos seus patróns e socios, e polo patrocinio de diversas institucións públicas e privadas. Ademais de manter estas aportacións, o Concello de Santiago forma parte da Xunta Reitora do Museo.

Compartir: