XUNTA DE GOBERNO

O programa "Compostela Móvese" busca a dinamización do tecido empresarial da cidade

25/09/2015 A Xunta de Goberno aprobou o programa Compostela Móvese 2015, promovido pola Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo. Este programa conta cunha liña de axudas á creación de empresas e outra de actividades de dinamización económica.

O obxectivo da Concellería de Desenvolvemento Económico é dinamizar o tecido empresarial de Santiago. Para isto deseñouse Compostela Móvese, un novo programa que coordinará todas as actividades vinculadas co fomento da actividade empresarial na cidade.

A primeira medida de Compostela Móvese diríxese ás persoas emprendedoras, que dende o Goberno municipal considéranse un colectivo fundamental para o desenvolvemento do tecido económico da cidade. Consiste nunha liña de axudas ás novas empresas e novas iniciativas de autoemprego, cun orzamento total de 100.000 euros.

Para a concesión das axudas estudarase o proxecto empresarial, no que se valorará especialmente a contribución do novo negocio ao desenvolvemento de sectores estratéxicos da economía de Santiago, como as industrias creativas, novos produtos turísticos, prestacións de servizos para mellorar a calidade de vida da cidadanía ou actividades baseadas na explotación comercial de resultados de proxectos de investigación da USC.

O máximo de axuda por empresa ascende aos 5.000 euros e os capítulos subvencionables son: custo de persoal contratado por conta allea, cotas de autónomos do empresario individual e socios e cotas das mutuas dos colexios profesionais; compras de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos; gastos de investigación e desenvolvemento; arrendamentos e canons; reparacións e conservacións; servizos profesionais independentes; transportes; primas de seguros; publicidade, propaganda e relacións públicas; subministracións; gastos de formalización de constitución da sociedade.

Desenvolvemento multisector e policéntrico
A outra liña de axudas está destinada á dinamización económica, buscando un modelo de desenvolvemento multisector e policéntrico, que contribúa á democratización real do acceso ao emprendemento e á mellora e desenvolvemento do tecido socioeconómico de Compostela.

Este programa contempla dende actividades de formación a domicilio adaptadas á realidade de cada empresa a unha ampla gama de obradoiros, sobre temas coma a creatividade, a estratexia empresarial, o liderado, a marca persoal, etc. Tamén se impartirá formación en competencias emprendedoras, por barrios e no rural. Outros eidos nos que se traballará serán a economía colaborativa, os mercados de proximidade. Esta liña conta cun orzamento de 140.000 euros.

Cesión de pisos sociais
En materia de Políticas Socias, deuse conta da sinatura do contrato de cesión do uso gratuíto á Asociación de Pais de Diminuídos Psíquicos (ASPAS) de dúas vivendas municipais, situadas nun inmoble da rúa Roma, para o desenvolvemento do seu proxecto de vida independente de persoas con discapacidade intelectual.

Documentos relacionados



Compartir: