ALCALDÍA

Os alcaldes de Santiago e Brión exploran novas vías de colaboración

24/09/2015 O alcalde de Santiago recibiu hoxe ao seu homólogo en Brión, dentro da ronda de contactos que vén mantendo nas últimas semanas cos alcaldes da comarca compostelá. Martiño Noriega e José Luis García abordaron algunhas preocupacións comúns, que teñen que ver co mal funcionamento do transporte metropolitano ou cos servizos de emerxencias.

O alcalde de Santiago lembrou que Brión é o único concello da comarca que fai toda a súa obra pública con recursos propios, tanto materiais como humanos. Martiño Noriega recoñeceu sentir "envexa de Brión, porque a capital galega a día de hoxe ten unha Brigada de Vías e Obras esfarelada, por mor dunha taxa de reposición que impediu recompoñela". Segundo o alcalde compostelán "o rural de Santiago non ten os recursos que ten Brión". Martiño Noriega e José Luis García exploraron posibles vías de colaboración neste eido, e o alcalde brionés amosouse disposto a ceder os recursos do seu concello para pequenas obras que necesite executar o de Santiago, como a eliminación de fochancas puntuais nas parroquias. A cambio, Compostela podería colaborar co veciño municipio en materia de seguridade. Nese sentido, José Luis García sinalou que "nas próximas festas de Santa Minia, sería positivo para o concello de Brión poder contar coa colaboración dalgún axente da Policía Local de Santiago".

Críticas ao Plan de Transporte Metropolitano
Martiño Noriega e José Luis García tamén analizaron a situación do transporte metropolitano que, insistiu o alcalde brionés "simplemente non funciona". O rexedor de Brión relatou algunhas deficiencias do plan, como continuos cambios de horarios sen preaviso ou autobuses obsoletos. Os dous alcaldes expresaron o seu desexo de que as novas corporacións municipais saídas das eleccións de maio poidan presionar ante a Xunta para mellorar este sistema.

Compartir: