ACCIÓN CULTURAL

Vinte anos de encontro entre Compostela e o teatro de monicreques no Festival Galicreques

24/09/2015 O Festival Internacional de Títeres Galicreques celebra o seu 20 aniversario neste 2015. Vinte anos de encontro entre a cidade de Santiago e o teatro de monicreques nunha cita xa imprescindible no inicio do outono compostelán. Máis de vinte compañías procedentes de diversos sitios de América e Europa, entre eles de diversos puntos do Estado español como Valencia, Cataluña, Euskadi, Castela A Mancha e, por suposto, Galicia, daranse cita do 26 de setembro ao 4 de outubro en varios espazos: Teatro Principal, Fundación SGAE, Zona C, A Regadeira de Adela e rúas e prazas da cidade. A programación completa foi presentada esta mañá na Casa do Concello pola directora-xerente en funcións do Auditorio de Galicia, Silvia Modia; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; e o director do festival, Jorge Rey, quen tamén é presidente da Asociación Cultural Barriga Verde, organizadora do festival.

Serán 20 as compañías que chegarán dende diversas partes do mundo para atoparse con compañías galegas como Galitoon, Pinga Teatro, Títeres Alakrán, A illa dos nenos, Larei Lará e Títeres Cachirulo. En total serán trinta representacións, incluíndo espectáculos especialmente dirixidos a bebés (El mundo de Dondo, da arxentina Julia Sigliano); funcións para os máis pequenos (Güela-güela, de Galitoon, ou Los tres cerditos, de Teatro La Estrella); obras para mozos e adultos, como os que traen La Liebre de Marzo ou Manu Mansilla e ata espectáculos de improvisación con monicreques: Puppet Pro, de Tactilicuä e República Tóxica, entre outros.

Como vén sendo habitual, o festival mantén a súa oferta de formación para adultos, que este ano vai dende o curso Anatomía Teatral, pasando polo de Talla e construción de marionetas en madeira, ata o taller de Construción de bonecos con "la feltreable". Tamén contaremos con talleres para nenos e nenas e exposicións, destacando Os monicreques e a arte. Marionetas inspiradas en Picasso e Miró na Biblioteca Ánxel Casal; Monicreques de dedo, de Carmen Domech; que poderá visitarse na Fundación SGAE; e a conversión temporal do espazo A Regadeira de Adela nunha casa de monicreques onde poderemos sorprendernos coas marionetas de fío de China ou cos monicreques de auga de Vietnam.

Nesta edición, o Premio Galicreques será para a compañía Viravolta, polo seu traballo na difusión e promoción dos monicreques en Galicia, a creación do Museo Galego da Marioneta e o seu claro compromiso coa historia e o futuro desta arte.

Direcciones relacionadas



Compartir: