MOBILIDADE

Unha xornada lúdica ao redor da bicicleta pecha este domingo a Semana da Mobilidade

24/09/2015 A celebración en Santiago de Compostela da Semana Europea da Mobilidade complétase este domingo 27 coa celebración na Alameda dunha xornada lúdica ao redor da bicicleta. Os detalles do programa presentáronos en rolda de prensa Jorge Duarte, concelleiro de Espazos Cidadáns e Mobilidade, e Faustino Gómez, presidente da Asociación Cívica Composcleta.

Dende a Concellería de Mobilidade colabórase co colectivo Composcleta na organización desta xornada, na que haberá unha gymkana para os nenos de entre 8 e 14 anos (de 11:00 a 13:00 horas), un obradoiro de bicis (entre as 12:00 e as 13:00 horas) e unha pedalada pola cidade entre as 13:00 e as 14:00 horas.

A pedalada sairá dende o Parque da Alameda por Xoán Carlos I, Praza de Vigo, Rúa Nova de Abaixo, Praza Roxa, Frei Rosendo Salvado, Ramón Cabanillas, República Arxentina, Praza de Puente Castro, Hórreo, Praza de Galicia, Fonte de Santo Antonio, Virxe da Cerca, Costa de San Domingos, Ramón del Valle-Inclán, San Roque, Basquiños, Praza da Paz, Xoán XXIII, San Francisco para rematar na Praza do Obradoiro. O concelleiro de Espazos Cidadáns quixo agradecer a colaboración do colectivo Composcleta e lembrou a "importancia da mobilidade sostible e de camiñar todos xuntos sen facer política dunha cuestión na que debe haber consenso". Nesa liña recordou as conclusións do I Encontro de Mobilidade que tivo lugar o luns pasado e no que participaron varios colectivos e grupos políticos co obxectivo de elaborar un Plan de Mobilidade global para Santiago.

Jorge Duarte quixo aproveitar para animar a todos os veciños e veciñas a que "saquen a bicicleta do faiado" e se unan á Xornada da Bicicleta deste domingo. Na páxina de Tussa hai un formulario a disposición de todos e todas onde anotarse para participar na xornada. Os menores de 16 anos deben levar casco obrigatoriamente. Ademais, aos nenos que participen faráselle entrega dunha camiseta. Entre os participantes sortearase unha bicicleta e 10 bonos mensuais de transporte urbano.

Direcciones relacionadas



Compartir: