ALCALDÍA

O alcalde recibe a directiva da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple

24/09/2015 O alcalde de Santiago recibiu este mediodía no Pazo de Raxoi a directiva da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple. A xuntanza, na que tamén participaron os concelleiros de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, e de Políticas Sociais, Concha Fernández, serviu para que o Goberno compostelán coñecera de primeira man as necesidades e as actividades que leva a cabo ACEM.

No encontro, os responsables da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple informaron a Martiño Noriega do seu próximo traslado a unha nova sede en Salgueiriños. Está previsto que o colectivo se mude no prazo de dous meses a unhas instalacións con maior espazo, que lle permitirá levar a cabo novas iniciativas para a atención a estes enfermos.

Por iso, o alcalde recolleu a petición de estudar a posibilidade de abrir novas canles de cooperación coa entidade. O Concello vén mantendo unha colaboración estable coa Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, a través da súa liña de subvencións nominativas.

Martiño Noriega tamén quixo loubar o traballo desinteresado que vén desenvolvendo a entidade, que foi constituída en 1995 e que conta con preto de 200 socios.

Compartir: