LINGUA

MoKsín, tenda gañadora do III Premio de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego, acolle unha actuación de Mónica de Nut

24/09/2015 O III Premio de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego, recaeu na tenda MoKsín, por unha campaña bautizada como "Zapatos e outras historias" e na que os clientes da tenda e o galego teñen un papel protagonista. Como parte desta campaña, o establecemento (rúa Montero Ríos, 29) acolle unha actuación de Mónica de Nut.

A campaña, deseñada por Tino Barreiro, prolongarase durante toda a temporada de outono-inverno. Calquera que o desexe pode participar, propoñendo unha palabra en galego, ben na propia tenda, ben a través das redes sociais coa etiqueta #zapatoseoutrashistorias. A partir desa verba, que aparecerá impresa no escaparate de MoKsín, un artista creará unha historia, en calquera soporte, e na que sempre aparecerán os zapatos da tenda.

O proxecto "Zapatos e outras historias" enmárcase no coidado que MoKsín lle presta ás súas accións de comunicación, e na aposta desta empresa familiar pola divulgación cultural. A campaña foi merecedora do III Premio de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego, convocado polo Concello para promover a difusión da lingua a través do seu uso en campañas comerciais orixinais e eficaces que, á vez, conviden á profesionalización e á mellora xeral da comunicación do tecido empresarial compostelán.

O galego no comercio, un valor engadido para os clientes
Segundo algúns estudos, un maior uso do galego no tecido socioeconómico de Santiago sería moi ben acollido polo público. De feito, as empresas e os comercios usan menos a nosa lingua do que aos seus clientes lles gustaría, e nos establecementos da cidade fálase menos en galego co público do que se fai internamente. Aínda así, o uso espontáneo do galego cos clientes é maior que a súa utilización en ámbitos máis formais e máis pensados, como a documentación administrativa ou a publicidade. Mudar iso sería un gran paso para a normalización do galego. De aí que o Concello puxera en marcha o Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego, que vai xa pola súa terceira edición.

O certame está aberto a todos os establecementos empresariais de Compostela e aos profesionais da comunicación e da publicidade. As campañas que presenten teñen que demostrar que o galego vende, e que en galego véndese. O concurso está dotado cun premio de 5.000 euros.

Compartir: