TURISMO

Santiago logra en agosto o seu récord histórico de pernoctacións

23/09/2015 Os establecementos hoteleiros de Santiago rexistraron 192.900 pernoctacións no pasado mes de agosto, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística. Trátase do mellor dato rexistrado pola serie histórica do INE nun só mes na cidade. Supón un crecemento do 8,94% respecto do mes de agosto do ano pasado. Pero supón ademais un aumento de máis de 10.000 pernoctacións respecto do anterior récord na cidade, fixado no mes de agosto do Ano Santo 2010, cando se rexistraron 182.492 pernoctacións.

O crecemento das pernoctacións en Santiago no mes de agosto apoiouse no importante aumento do turismo internacional, que tamén logrou o seu máximo histórico na cidade. En concreto, houbo 81.261 pernoctacións de turistas foráneos, dato que supón un crecemento do 29,46% respecto ao mes de agosto do ano pasado.

O turismo doméstico, predominante na cidade en agosto, alcanzou as 111.639 pernoctacións. Esta cifra, aínda que supuxo unha baixada do 2,32% respecto de agosto do ano pasado, mantivo as pernoctacións de turistas domésticos nunhas boas cifras en comparación aos anos posteriores ao Ano Santo 2010, cando a crise económica afectou duramente ao sector turístico. Este descenso de 2.657 en pernoctacións domésticas foi compensado polo aumento de 18.490 en pernoctacións internacionais.

Os datos de pernoctacións do INE no pasado mes de agosto ratifican os datos que neste mesmo mes se produciron no aeroporto, que tamén logrou o mellor mes da súa historia en tráfico de pasaxeiros, con 282.165. En concreto, tamén ratifican o crecemento no tráfico nas rutas internacionais que tivo o aeroporto neste mes de agosto. Estas rutas moveron máis de 80.000 pasaxeiros, cun aumento do 24,9%, segundo os datos de AENA.

Compartir: