ACCIÓN CULTURAL

A soprano Kate Royal debuta en Galicia dentro do XVI Ciclo de Lied, da man do pianista Roger Vignoles

23/09/2015 Tras a inauguración coa mezzosoprano Ruxandra Donose, o Ciclo de Lied, que este ano celebra a súa XVI edición, ofrece este xoves o debut en Galicia da soprano británica Kate Royal. Será a partir das 20:30 horas no Teatro Principal e Royal estará acompañada ao piano por Roger Vignoles, codirector artístico do ciclo.

O contraste entre o sagrado e o profano é a temática do programa que supón o debut en Galicia da soprano británica Kate Royal e está centrado en dúas obras en particular: os Rückert-Lieder de Gustav Mahler e as Hermit Songs (Cancións do ermitán) que o norteamericano Samuel Barber compuxo a partir de textos irlandeses anónimos dos séculos VIII ao XIII, nos que a devoción espiritual dos monxes de cando en vez transcende máis a preocupacións terreais.

O vínculo entre os dous ciclos é a última canción de Gustav Mahler sobre os poemas de Friedrich Rückert, Ich bin der Welt abhanden gekommen (Desaparecín do mundo), unha das cancións máis belas e serenas xamais compostas, na que o retiro do poeta do mundo é reflectido nunha música, que parece durar para sempre.

As entradas para este concerto teñen un prezo de 8 euros e poden mercarse no despacho de billetes do propio Teatro (que abre de 18.00 a 21.00 h), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

Direcciones relacionadas



Compartir: