MOCIDADE E POLÍTICAS SOCIAIS

Compostela acollerá o I Congreso Galego de Cultura Urbana os días 26 e 27 de setembro

23/09/2015 As concelleiras de Xuventude, Noa Morales, e de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentaron o I Congreso Galego de Cultura Urbana: Xeración Hip Hop, que terá lugar en Santiago esta fin de semana. O Centro Don Bosco acolle as actividades, que inclúen conferencias, relatos de experiencias, mesas redondas, mostras e un Café-Work. Os talleres terán lugar o sábado de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, e o domingo de 11:00 a 14:00 horas. O proxecto está organizado pola Asociación Vella Escola coa colaboración do Concello de Santiago e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.

A Concellaría de Políticas Sociais promove actividades de prevención de drogodependencias, enmarcadas dentro dos hábitos de vida saudables, dirixidos á mocidade nos seus espazos de ocio e lecer. Tamén a Concellaría de Mocidade quere fomentar actividades lúdicas e creativas para un sector dinámico da cidade. Dentro desta liña de traballo, buscáronse actividades que cumpriran un fin artístico e creativo, que non tivesen apoio institucional pero si un amplo número de seguidores novos e que a súa práctica transportara á mocidade a asumir "hábitos de vida saudable", segundo apuntou Concha Fernández.

Trátase da primeira vez que se organiza un congreso deste estilo en Galicia e a segunda vez en España, nun evento que pretende xerar puntos de encontro que lle dean estabilidade á Cultura Urbana, por exemplo na elaboración de graffitis ou no skate de forma segura. O domingo 27, de 16:00 a 22:00 horas, terá lugar a segunda edición do Campionato Local de Breakdance "II Breakin the Beat".

Direcciones relacionadas



Compartir: