ACCIÓN CULTURAL

Teatro do Morcego presenta "Presidente"

25/09/2015 A compañía Teatro do Morcego presenta esta fin de semana o seu espectáculo Presidente no Teatro Principal. Dirixida por José Prieto, conta no elenco con Celso Parada, Mercedes Castro, César Goldi, Iolanda Muíños e Federico Pérez. Será o domingo 27, ás 20:30 horas, no Principal. As entradas, a 10 euros, poden mercarse tanto no despacho de billetes do propio teatro (aberto de 18:00 a 21:00 horas), como no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

En plena campaña electoral, coas enquisas vaticinando a derrota electoral do seu partido, o presidente do goberno e os seus asesores deciden tomar unha iniciativa desesperada: o presidente visitará persoalmente aos votantes nas súas casas para convencelos de que o voten.

Distintas familias recibirán nas súas casas, sen previo aviso, a inesperada visita do presidente: unha familia humilde en situación crítica cos seus membros en paro, unha familia ultraconservadora preocupada pola perda dos valores tradicionais ou unha familia monoparental antisistema escoitarán de súpeto como soa o timbre da súa porta e diante deles aparece o presidente disposto a convencelos de que a súa opción é a mellor. Conseguirá o presidente o voto de xente tan variada, darlle a volta ás enquisas e continuar gobernando outros catro anos? O público coñecerá o resultado das eleccións ao final desta comedia electoral de manipulación política.

Documentos relacionados



Compartir: