ALCALDÍA

O alcalde visitou as instalacións de Finsa

22/09/2015 O alcalde de Santiago visitou esta mañá a fábrica de Finsa en Formarís, nun percorrido no que estivo acompañado polos responsables da empresa e polos representantes dos traballadores. Martiño Noriega explicou que Finsa é un referente en Compostela, con máis de 800 empregados e unhas instalacións que ocupan 130.000 metros cadrados.

Guiado polo director xeral de Finsa, José Carballo, o rexedor puido coñecer o modelo produtivo da empresa e a súa forma de traballar. Martiño Noriega loubou a aposta pola internacionalización da firma, que lle permitiu afrontar do mellor xeito posible a crise económica. Nesta liña, o director xeral de Finsa explicou que a empresa ten pendentes importantes investimentos en Portugal. Máis a longo prazo, José Carballo tamén recoñeceu que as instalacións de Santiago terán que ser sometidas a algunha renovación, para facerlle fronte a un mundo cada vez máis competitivo.

Unha empresa familiar que non deixou de medrar
Finsa é o máis antigo fabricante de taboleiros de aglomerado e MDF na Península Ibérica. A empresa naceu en 1931 como un serradoiro no lugar de Portanxil, en Ames. Seis anos despois, o seu fundador, Manuel García Cambón, deulle unha verdadeira forma empresarial ao proxecto, que en 1946 pasa a denominarse Financiera Maderera S.A. Dende 1969, Santiago é a sede social desta empresa, que na actualidade conta con máis dunha vintena de factorías e está presente en países como Portugal ou México.

Compartir: