ECONOMÍA E FACENDA

María Rozas reclama un sistema tributario xusto para os concellos que permita a redistribución e a progresividade fiscal

18/09/2015 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, informou en rolda de prensa sobre a sinatura polo Concello de Santiago da Declaración de Zaragoza. Mediante este documento, subscrito tamén polos responsables das áreas económicas de Madrid, Barcelona, Alacante, Zaragoza, Badalona e A Coruña, solicítase ao Goberno central unha reforma do sistema tributario aplicado ás administracións locais e unha maior autonomía financeira.

María Rozas denunciou a "falta de recursos e autonomía local" do actual sistema de financiamento local, cun "sistema tributario inxusto que impide aplicar a progresividade fiscal". Por iso, reclamou un sistema "máis xusto, que permita aos concellos exercer as súas competencias e garantir para os seus cidadáns uns servizos de calidade".

Incidindo nesta cuestión, a concelleira referiuse ao "corsé legal" que para as administracións locais supoñen leis como as de Racionalización e de Estabilidade Orzamentaria, que "impoñen un estrangulamento aos concellos, obrigándoos a destinar o seu superávit a amortizar débeda e non permitindo que o destinen a gasto social". Por isto, insistiu en reclamar un sistema que permita "a redistribución e a progresividade fiscal".

Sobre a reunión en Zaragoza da que saíu a Declaración, María Rozas destacou que serviu tamén para a "posta en común de problemáticas e solucións". Neste sentido, apuntou que, malia tratarse de cidades moi diferentes, existen "problemas estruturais comúns que requiren solucións comúns. Por iso, acordouse insistir no traballo en rede e por en marcha dous grupos de traballo.

Documentos relacionados



Compartir: