XUNTA DE GOBERNO

A rúa Otero Pedrayo (San Caetano) terá 60 prazas de estacionamento para residentes

18/09/2015 A Xunta de Goberno aprobou a incorporación da rúa Otero Pedrayo, en San Caetano, ás zonas con estacionamento reservado para residentes. En breve se abrirá o procedemento para que os veciños desta zona da cidade poidan solicitar as súas tarxetas de residente, que lles permitirán estacionar nalgunhas das 60 prazas que se habilitarán.

A delimitación desta nova zona verde, en palabras do alcalde, Martiño Noriega, faise en resposta a unha petición veciñal e para dar servizo ás máis de 100 vivendas desta área que carecen de prazas de garaxe propias. Dáse a circunstancia de que a maioría de prazas en superficie son ocupadas en horario de 7:00 a 16:00 horas por traballadores dos edificios administrativos de San Caetano. Ademais, esta parte da cidade carece de lugares de estacionamento alternativo, xa que as rúas máis próximas, nas zonas de Vite, A Almáciga e Ultreia, son xa áreas verdes e están reservadas aos seus residentes.

A delimitación da zona verde cinguirase ao ámbito comprendido entre as edificacións, quedando o resto como zona de estacionamento libre. Xeraranse así 60 prazas para residentes.

Nova valoración para solos
Outro dos acordos do Goberno local foi a solicitude á Xerencia Rexional do Catros de Galicia do inicio do procedemento para realizar unha valoración colectiva dos solos urbanizables delimitados (SUD) sen instrumento de planeamento aprobado.

Segundo explicou o alcalde, esta medida, que toma en consideración unha sentenza xudicial producida ao respecto, ten como medida que os propietarios destes solos deixen de pagar por eles como solos urbanos, xa que non teñen posibilidades actuais de desenvolverse como tales, e pasen a ter novamente a cualificación de rústicos, coa conseguinte diminución na cantidade a pagar polo Imposto de Bens Inmobles (IBI).

Campaña de rozas de outono
Finalmente, a Xunta de Goberno iniciou o expediente para contratar unha campaña de outono de traballos de rozas nas vías municipais, cun orzamento de 71.632 euros. Tamén se abriu o procedemento, por 34.985 euros, para dotar de equipamento ao novo Local Sociocultural do Romaño, actualmente na última fase de obras.

Documentos relacionados



Compartir: