ALCALDÍA E EDUCACIÓN

Homenaxe a Francisco Giner de los Ríos, fundador da Institución Libre de Ensinanza

18/09/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, participaron no acto de homenaxe que a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC lle rendeu a Francisco Giner de los Ríos, fundador da Institución Libre de Ensinanza, con motivo do centenario do seu pasamento. Neste 2015 cúmprense tamén 132 anos da súa estanza na cidade con motivo da Excursión Pedagóxica organizada pola devandita institución entre o 14 de xullo e 2 de outubro de 1883.

Francisco Giner de los Ríos (Ronda, 1839 – Madrid, 1915), considerado o educador por excelencia da España contemporánea, pernoctou no seu paso por Santiago no antigo Hostal Suízo, ubicado na rúa Cardeal Payá, na parte baixa da praza de Mazarelos. Alí, a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC colocou unha placa conmemorativa.

Ademais do alcalde e do concelleiro de Educación e Cidadanía, participaron no acto a vicerreitora de Estudantes, Dolores Pérez; a presidenta da Asociación, Benita Silva, e un directivo da mesma, Agustín Pena. A Agrupación Musical da Escola Municipal de Música interpretou dúas pezas durante o acto.

Mesa redonda
Xa pola tarde, ás 19:00 horas, na Facultade de Filosofía (praza de Mazarelos), completará esta homenaxe unha mesa redonda titulada "Actualidade do legado de Giner de los Ríos: ensino laico, muller visible, misións pedagóxicas, formación do profesorado". Moderada por Agustín Pena, contará coa participación de Uxío Otero, catedrático de Teoría e Historia da Educación da USC; Francisco Durán, profesor de Análise Xeográfica Nacional da USC; e Raquel Vázquez Ramil, doutora en Xeografía e Historia e especialista en Educación da Muller en España nos séculos XIX e XX.

Giner de los Ríos
Francisco Giner de los Ríos,foi un pedagogo, filósofo e ensaísta, figura senlleira na historia da educación, e creador da Institución Libre de Ensinanza. En 1876, o 29 de outubro comezan oficialmente as actividades da Institución Libre de Ensinanza (ILE), fundada ese ano coa colaboración doutros catedráticos: Gumersindo de Azcárate, Laureano Figuerola, Segismundo Moret, Nicolás Salmerón, entre outros. No ano seguinte apareceu o primeiro número do Boletín da Institución (BILE), dirixido por Giner, que tamén exerceu de profesor.

No ano 1883 realiza grandes actividades pedagóxicas ao aire libre. Así, o 14 de xullo parte de Madrid unha expedición de mestres e alumnos da ILE, que non regresarán ata o 3 de outubro a Madrid, logo de percorrer diferentes lugares de España, entre eles Santiago de Compostela, onde estivo entre o 15 e o 18 de setembro.

A valía e a importancia de Giner de los Ríos concrétase en múltiples actividades e achegas. Foi tradutor dos pensamentos ideolóxicos europeos máis avanzados (Krausismo), escritor que teorizou sobre filosofía, dereito ou pedagoxía, e home comprometido coa renovación cultural dunha atrasada España e, ao longo da súa traxectoria, enfrontouse aos poderes establecidos, sempre inmobilistas, e nunca lle importou sufrir sancións, illamentos nese camiño trazado para formar, renovar e enriquecer o ensino.

A Institución Libre da Ensinanza, un dos máis grandes avances pedagóxicos, foi o xerme das Misións Pedagóxicas, tan decisivas na ansia da II República de levar o coñecemento a todos os pobos de España. A ILE era unha escola de vangarda, laica, na que non había exames nin libros de texto, nin separación por sexos.

Compartir: