DEPORTE

Este luns darán comezo as obras de mellora no campo de fútbol de Conxo

17/09/2015 O Goberno local, da man da Concellería de Deportes, amósase satisfeita por ter sido quen de desbloquear as dúas obras de mellora do campo de fútbol de Conxo, cuxos expedientes foron aprobados en marzo, pero sen que se deixase pechado o proceso de licitación. A adxudicación definitiva de ambos contratos levouse a cabo na Xunta de Goberno Local con data de 7 de agosto e a sinatura dos contratos para a súa execución, 15 días despois da adxudicación.

Hai previstas dúas actuacións: unha de conexión exterior de instalacións existentes das redes e servizos, cun importe de 80.267,77 euros máis IVE, adxudicada á empresa Atlántica de Construcción y Medio Ambiente SL, e outra de reforma do campo de fútbol para a transformación do campo de terra nun campo de herba artificial. O contrato coa empresa adxudicataria, Galitec Desarrollos Tecnológicos SLL, ascende a 246.000 euros máis IVE. O luns comezarán ambas obras ao mesmo tempo, co obxectivo de minimizar as molestias que se poidan ocasionar. Terán unha duración aproximada de dous meses.

A concelleira de Deportes, Noa Morales, mantivo unha xuntanza con todos os axentes implicados nestas obras de mellora e tamén con representantes dos clubs de fútbol de Conxo, que lle transmitiron o seu desexo de que as obras non deran comezo o mesmo día da sinatura da acta de reformulo (este xoves), senón o vindeiro luns, para que se manteñan os horarios de adestramento polas tardes que se viñan realizando esta semana.

Compartir: