CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia ofrece novos concertos gratuítos en Conxo e Bonaval

17/09/2015 O Consorcio de Santiago está a promover o achegamento da Real Filharmonía de Galicia e a música clásica aos cidadáns. Dentro deste propósito, durante toda esta semana estanse a celebrar concertos gratuítos en barrios significativos da cidade compostelá, ao aire libre, aínda que están previstos espazos alternativos para os días que choiva. A batuta lévaa o mestre holandés afincado en Galicia Bram Sniekers, director artístico do Conservatorio Profesional de Música de Lalín e director da súa orquestra.

O primeiro destes concertos tivo lugar o martes en Fontiñas, en Área Central, e o segundo este mércores no Auditorio de Galicia. Esta tarde, ás 20:00 horas, os músicos tocarán en Conxo, detrás do Centro Sociocultural Aurelio Aguirre, e trasladaranse á igrexa da Nosa Señora da Mercé en caso de choiva. O venres terán a oportunidade de desfrutar da orquestra os veciños do barrio de San Pedro. O encontro musical será no xardín da Zona C e, se chovese, sería na igrexa de San Domingos de Bonaval.

O último concerto deste ciclo será o sábado no Ensanche, na praza Roxa, actuación que se suspendería se as condicións meteorolóxicas non fosen favorables.

Obras clásicas e románticas para todos os públicos
A Real Filharmonía achegará ao público unha selección de obras clásicas e románticas moi populares. Así, os concertos comezarán coa obertura de As vodas de Fígaro, de Mozart. De seguido, a orquestra tocará a obertura de Coroliano, de Beethoven. Os asistentes tamén poderán escoitar parte da Suite nº 1 "Peer Gynt", do compositor noruegués Edvard Grieg.

Os músicos tocarán ademais a obertura de As Hébridas, de Mendelssohn. A continuación interpretarán a obertura de A italiana en Alxer, do compositor italiano Gioachino Rossini e os concertos rematarán cun fragmento de O soño dunha noite de verán, de Mendelssohn.

Compartir: