FACENDA

Santiago subscribe a Declaración de Zaragoza en demanda dun sistema tributario máis xusto para as administracións locais

17/09/2015 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, participou este xoves en Zaragoza nun encontro cos responsables desta área das concellos de Madrid, Barcelona, Alicante, Zaragoza, Badalona e A Coruña. Estas sete cidades subscribiron a Declaración de Zaragoza, a través da cal solicitan ao Goberno central unha reforma do sistema tributario aplicado ás administracións locais e unha maior autonomía financeira.

Os sete concellos asinantes reclaman unha lei de financiamento municipal que atenda a criterios de progresividade, xustiza social e sustentabilidade ambiental. Tamén se solicita a modificación da Lei de Estabilidade Orzamentaria, de forma que atenda as necesidades sociais sen que estas fiquen subordinadas aos plans de equilibrio financeiro previstas nesta norma.

O texto íntegro da Declaración de Zaragoza é o seguinte:

Os Concellos son as institucións máis próximas á cidadanía e as que máis competencias asumen. A pesar disto, son as administracións que menos asegurado teñen o seu financiamento, no marco dun sistema inxusto, discriminatorio e insuficiente que nin sequera permite a progresividade fiscal. Dependen, basicamente, de impostos que non poden vincularse á riqueza real e que, por tanto, non son xustos na súa aplicación.

As administracións locais deben asegurar servizos públicos de calidade, redistribuír a riqueza, atender as necesidades básicas da poboación, xerar espazos públicos urbanos sustentábeis e inclusivos. Deben contribuír a novas formas de ocupación, produción e consumo que coiden das persoas e o ambiente. Os Concellos deben asegurar o ben común, mais están a ser condenados a perpetuar a falsa idea de que privatizar o público e xestionar desde o privado é mellor para a sustentabilidade económica.

A 'Ley de Racionalización y Sustentabilidad de la Administración Local' rompe co principio da autonomía municipal, que continúa a ser unha causa pendente na democracia. Hoxe, esta circunstancia legal asfixia os concellos. Numerosas leis minguan a captación de recursos municipais e procuran o lucro de organizacións privadas ou relixiosas. A lei mencionada fai un auténtico exercicio de ilusionismo xurídico para facer desaparecer a partir do 1 de xaneiro de 2016 as competencias de carácter social que viñan prestando os concellos e que pasarán a ser das Comunidades Autónomas.

Neste encadramento, lexislativo, nin o superávit da administración local garantiría beneficios sociais á poboación, senón que o mesmo deberá estar destinado a seguir saciando os acreedores de débeda. É dicir, aínda que un consistorio consiga cumprir coa amortización da débeda e ademais xere superávit, non poderá investir ese diñeiro en materia social. A 'Ley de Estabilidad Presupuestaria y Sustentabilidad Financiera' no seu artigo 12 sobre a 'Regra de Gasto' esixe que deberá servir para adiantar pago de débeda.

Neste sentido, é esencial o papel frustrante e desigualador do art. 135 da Constitución imposto por poderes non elixidos e que confrontan coas necesidades básicas da maioría. Os Concellos sofren sistemas tributarios e marcos legais esgotados, non dan para máis. Necesitamos crear as lineas básicas dun novo sistema de financiamento local do século XXI.

Os concellos das cidades asinantes, esiximos ao Goberno Central que de modo inmediato aborde a reforma de todo o sistema tributario das administracións locais para garantir:

- unha Lei de Financiamento dos Concellos suficiente e sustentábel con criterios de progresividade e xustiza social e sustentabilidade ambiental.

- a modificación a 'Ley de Estabilidad Presupuestaria y Sustentabilidad Financiera' para que as necesidades sociais non fiquen subordinadas a plans económico-financeiros de re-equilibrio previstos na devandita lei.

Estas cidades colaborarán mutuamente por volta destes criterios esenciais como obxectivos e no impulso dunha nova maioría social para a mudanza.

Ayuntamiento de Madrid
Ajuntament de Barcelona
Ayuntamiento de Zaragoza
Ajuntament de Alacant
Concello de Santiago
Concello da Coruña
Ajuntament de Badalona

Compartir: