ALCALDÍA

O alcalde e o conselleiro de Cultura avanzan na folla de ruta do Womex 2016

17/09/2015 O alcalde de Santiago e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reuníronse esta mañá para fixar unha folla de ruta común en torno a dous eventos que se celebrarán o ano que vén: o Womex 2016 e a Feira do Libro de Bos Aires, que terá a Santiago como cidade invitada. Martiño Noriega e Román Rodríguez coincidiron en que as dúas son citas moi importantes, non só para Compostela, senón para o conxunto de Galicia, é por iso é preciso crear sinerxias entre as dúas administracións.

O Womex 2016 volverá converter a Santiago nun lugar de encontro para a cultura e a creatividade. O Concello compostelán e a Xunta xa teñen activada unha comisión bilateral de traballo, e a vontade é a de seguir colaborando na organización do evento. Neste caso, quedan por fixar algúns aspectos relacionados co financiamento.

Feira do Libro de Bos Aires
Na reunión desta mañá, o alcalde e o conselleiro de Cultura acordaron que Santiago contará cun espazo propio no stand de Galicia na Feira do Libro de Bos Aires, que o ano que vén estará dedicada a Compostela. Martiño Noriega valorou moi positivamente esta decisión, porque deste xeito a capital galega terá a oportunidade de poñer en valor o seu tecido editorial e cultural nun espazo que xestionará de forma autónoma.

O Concello e a Consellería de Cultura porán en marcha unha comisión bilateral de traballo, para avanzar na elaboración dun programa común para que o mellor da cultura galega e compostelá estea representado na Feira do Libro de Bos Aires, unha das máis importantes do mundo.

Compartir: