MOBILIDADE

Santiago de Compostela súmase á celebración da Semana Europea da Mobilidade

17/09/2015 O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Espazos Cidadáns e Mobilidade, Jorge Duarte, presentaron en rolda de prensa as actividades coas que Santiago se suma á celebración da Semana Europea da Mobilidade, unha campaña de concienciación apoiada pola Comisión Europea dende o ano 2000. O obxectivo é sensibilizar sobre as consecuencias negativas do uso irracional do coche, tanto para o medio ambiente como para a saúde pública, e promover modos de transporte máis sostibles.

O programa de actividades previsto pola Concellería de Mobilidade, en colaboración con Tussa, arranca este venres 18, cunha exposición de vehículos eléctricos na praza Roxa. A mostra poderase visitar de 16:30 a 20:30 horas.

Durante o sábado, as actividades desprázanse aos concellos de Ames, Teo e Oroso. Parte dos problemas de mobilidade que sofre Compostela está relacionada co fluxo de vehículos procedentes deses municipios. Por iso, vaise realizar un reparto de folletos informativos sobre os aparcadoiros de borde de Salgueiriños e Santa Marta nos principais núcleos de poboación deses concellos: Milladoiro e Bertamiráns (Ames), Cacheiras (Teo) e Sigüeiro (Oroso).

O luns 21 celebrarase na Biblioteca Ánxel Casal o I Encontro pola Mobilidade, no que diferentes axentes sociais debaterán sobre distintos aspectos relacionados coa mobilidade. Do foro, que estará aberto a toda a cidadanía, sairá un documento que será tido en conta á hora de deseñar un novo modelo de cidade.

Día sen coche
A Semana Europea da Mobilidade remata en todas as cidades participantes coa celebración do Día sen Coche, ao que tamén se suma Compostela. Por iso, o martes 22, o transporte urbano será gratuíto, como xeito de promover o uso da rede de autobuses.

A celebración da Semana Europea da Mobilidade vaise prolongar en Compostela ata o domingo 27, cando está prevista na Alameda unha xornada lúdica ao redor da bicicleta. Entre outras actividades haberá unha xincana para nenos de entre 8 e 14 anos, un taller de mantemento da bicicleta, e unha pedalada con saída da Alameda e chegada á Praza do Obradoiro. Os detalles deste percorrido concretaranse nos próximos días, e publicaranse na web municipal e na web de Tussa. As inscricións tamén se deben facer no portal www.tussa.org.

Plan de Mobilidade
O alcalde enmarcou estas xornadas nun dos obxectivos programáticos do Goberno local, a redacción dun plan de mobilidade urbana sostible que contemple todas as casuísticas e que teña en conta os municipios da contorna. A meta é que Santiago "non sexa unha cidade pola que pasar, senón unha cidade na que estar", dixo.

Martiño Noriega indicou que este plan debe ir máis alá do transporte público e contemplar, entre outros, aspectos como a intermodalidade ou o uso da bicicleta "sen que sexa unha práctica de risco como agora". En materia de transporte público, destacou a necesidade de que todas as parroquias teñan este servizo "minimamente garantido".

Compartir: