ACCIÓN CULTURAL

Mario Gas e Vicky Peña emprenden "El largo viaje del día hacia la noche" no Auditorio

18/09/2015 Este sábado 19 de setembro, ás 20:30 horas, chega ao Auditorio de Galicia El largo viaje del día hacia la noche dentro do programa de Teatro 2015. Mario Gas e Vicky Peña defenderán o magnífico texto do Premio Nobel Eugene O’Neill, tamén gañador de catro Premios Pullitzer. Juan Díaz, María Miguel e Alberto Iglesias completan o reparto que dirixe Juan José Afonso. As entradas poden mercarse, a un prezo de 22 euros, en entradas.abanca.com, no 902 434 443, no despacho de billetes do Teatro Principal, de 18:00 a 21:00 horas, ou o propio día do evento no Auditorio de Galicia, dende as 18:00 horas.

É un día de agosto de 1912 na casa de James Tyrone, célebre autor de teatro, rodeado da súa esposa e dos seus dous fillos. O que comeza como unha plácida xornada de veraneo na casa a carón do mar convértese pouco a pouco nun combate descarnado a medida que os demos familiares saen á luz. Unha loita sen cuartel de catro seres humanos fascinantes, condenados a vivir xuntos mentres tratan de reavivar os rescaldos do amor pasado mentres cae a noite.

"Dicía Tolstoi, ao comezo de Ana Karenina, que todas as familias felices se asemellan, pero cada familia infeliz é infeliz ao seu xeito. Eugene O’Neill, que tanto soubo de familias e de infelicidade, podería engadir que toda familia infeliz é o espello no que se reflicten moitas outras (…) Quizais O’Neill quixo retratar unha familia americana de profundas raíces irlandesas, pero a pintura resultante foi universal…", sostén Borja Ortiz de Gondra, responsable da adaptación deste clásico da literatura para unha posta en escena encabezada por dous grandes como Mario Gas e Vicky Peña.

Mario Gas (James Tyrone): tras a súa saída á fronte da dirección do Teatro Español de Madrid e das Naves do Español tras oito anos de xestión, decide reactivar a súa faceta de actor, un tanto hibernada pola súa intensa actividade como director e xestor artístico. Así, dende maio de 2013 estivo interpretando o papel de Xulio Cesar na produción do mesmo título. En 2012 interpreta o musical Follies, que el mesmo dirixe. Os dous anos anteriores realiza xiras con dous espectáculos de poesía e entre 2004 e 2007 dirixe Orestiada e interpreta a terceira parte da triloxía. En 2002 e 2003 interpreta por toda España o monólogo Mi suicidio e un ano antes protagoniza o musical A little night music. Tamén cabe mencionar a súa faceta de dobrador de actores como Ben Kingsley ou Geoffrey Rush.

Vicky Peña (Mary Cavan Tyrone, esposa): dende o seu primeiro traballo escénico, en 1974, con El criat de dos amos, protagonizou nas táboas unha trintena de producións e desenvolveu a súa traxectoria entre Madrid e Barcelona. Entre os seus traballos máis importantes están El dicionario, dirixida por José Carlos Plaza; os musicais Sweeney Todd e Follies, de Stephen Sondheim, e Un tranvía llamado deseo, dirixidos por Mario Gas. Entre outros galardóns, recibiu o Premio Nacional de Teatro; catro veces Premio Max á mellor actriz protagonista; dúas veces Premio da Unión de Actores e o Premio María Guerrero.

Juan José Afonso (director): director teatral, conta no seu haber con numerosas producións, entre as que destacan en orde cronolóxica Almacenados" con José Sacristán; [emLa extraña pareja, con Joaquín Kremel e Pedro Osinaga; Miles gloriosus para o Festival de Mérida, con Pepe Viyuela, José Sancho e Cesáreo Estébanez; La cena de los idiotas, con Josema Yuste e Agustín Jiménez; El crítico. Si supiera cantar me salvaría, con Juanjo Puigcorbé e Pere Ponce e, o último ano, El arte de la entrevista para o CDN, con Alicia Hermida e Luisa Martín.

Compartir: