EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Iniciada a edición de setembro do Programa de Conciliación do Verán

01/09/2015 Este martes, 1 de setembro, iniciouse a edición de setembro do Programa Municipal de Conciliación para as Familias do Verán 2015, que se desenvolverá do 1 ao 9 de setembro nas instalacións dos CEIP As Fontiñas e Raíña Fabiola. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, compartiu cos nenos e nenas asistentes e co equipo de monitores uns minutos para coñecer a oferta de actividades para estas xornadas.

O Departamento de Educación e Cidadanía desenvolveu este Programa de Conciliación xa nos meses de xuño e xullo, coa participación de preto de 150 rapaces e rapazas. Agora celébrase a edición de decembro, atendendo as necesidades de conciliación e de tempo libre do alumnado nestes días previos ao comezo do curso escolar.

Este programa crea un espazo educativo, de promoción do ocio e o tempo de lecer, ademais de ser un recurso para a conciliación familiar e laboral no tempo de vacacións. Participan nenos e nenas que cursan estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

O horario é de 9:00 a 14:00 horas. Non obstante, quen o solicita previamente ten a posibilidade de contar cun servizo de madrugadores con almorzo (de 7:45 a 9:00 horas) e un servizo de comedor (de 14:00 a 16:00 horas).

Compartir: