ACCIÓN CULTURAL

Verán na Rúa entra na terceira semana de programación con acrobacias, maxia e circo

17/08/2015 O programa Verán na rúa, da Concellaría de Acción Cultural, entra na terceira semana de programación con acrobacias, maxia e circo. Este martes 18 de agosto, ás 19:30 horas, na praza da Quintana, a compañía Desastronauts presenta o espectáculo Un tonto no aire.

Desastronauts chegará voando e pode converterse nun auténtico pesadelo. Girisho Gordon é un artista de circo británico que viaxa cos seus espectáculos aéreos por toda Europa. A Santiago chega con Un tonto no aire, unha peza de circo para toda a familia con moito humor, habilidade e enerxía.

Raquel Veganzones e Girisho Gordon fundaron en 2004 en Londres a compañía Circo Expreso que hai catro anos rebautizaron como Desastronauts. Agora presentan na praza da Quintana a súa nova creación de acrobacias aéreas.

Este espectáculo, con entrada libre e para todos os públicos, forma parte do circuíto cultural e de lecer Cultura no Camiño, promovido pola Xunta de Galicia con motivo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela e conta co patrocinio de Turismo de Galicia e Agadic.

A semana de Verán na rúa complétase con maxia e circo: o mércores 19 de agosto, Laboratorio máxico, da compañía Mundomandarina, en San Martiño Pinario; e o xoves 20, Ekilibuá, de Maintomano, na praza da Quintana.

Direcciones relacionadas



Compartir: