MEDIO RURAL

Martiño Noriega reclama "políticas activas a medio prazo e de prevención" que permitan "a posta en valor do monte"

10/08/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega e o concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial, Rafael Peña, deron conta dos incendios producidos esta fin de semana no termo municipal. En particular, destacaron o de onte domingo na parroquia de Figueiras, que deixou un balance dunhas 50 hectáreas queimadas.

Segundo explicou Rafael Peña, o incendio de Figueiras tivo a súa orixe na zona da Fontecova e comezou en torno ás 20:30 horas e declarouse extinguido ás 4:15 horas. Catro patrullas da Policía Local colaboraron co operativo de extinción, que impediu en todo momento que houbera risco de afectación ás vivendas próximas. O lume si alcanzou o campo da festa e as pistas deportivas de Figueiras.

O concelleiro indicou que o incendio "parece intencionado", dada a hora do inicio, o foco na Fontecova (o mesmo que en incendios en anos anteriores) e as súas características. Destacou ademais as dificultades que a "maleza e o deterioro das pistas" deste monte supuxo para os efectivos de extinción.

Estas preto de 50 hectáreas queimadas súmanse ás 80 hectáreas do anterior incendio orixinado en Piñor, tamén na parroquia de Figueiras, neste caso a causa da incorrecta manipulación dunhas colmeas. Ademais, o sábado houbo pequenos incendios nas parroquias de Grixoa, Lavacolla, Bando e A Peregrina. Tamén se referiu a outros producidos nos municipios limítrofes.

A propósito das queixas veciñais en Figueiras pola falta dunha concentración parcelaria e pola súa causalidade no lume, o alcalde compostelán, Martiño Noriega, reclamou unha "posta en valor do monte", mediante "políticas de prevención e políticas activas a medio prazo".

Indicou que a política autonómica neste eido é "só a da extinción" e que, no caso da concentración parcelaria, a Xunta aposta "só por realizala onde exista actividade agrogandeira e non nas áreas de municipios urbanos ou periurbanos". Fronte a esta realidade, dixo, dáse o caso de "moitos propietarios que nin sequera saben onde teñen as súas propiedades".

No eido da prevención, Rafael Peña apuntou tamén a necesidade de realizar un calendario "coherente" de rozas, nos momentos do ano axeitados dende o punto de vista vexetal. Nesta materia, mostrou a vontade de colaborar coa Xunta de Galicia. Anunciou igualmente a súa intención de buscar partida económica para poder facer rozas en setembro.

Compartir: