ACCIÓN CULTURAL

"Ao ritmo da maxia", un espectáculo da compañía Fusionarte, na praza da Quintana

05/08/2015 Nova entrega do programa Verán na rúa, desta vez coa compañía galega Fusionarte, que presenta o seu espectáculo Ao ritmo da maxia. A cita é este xoves 6 de agosto, ás 19:30 horas, na praza da Quintana, con entrada de balde e para todos os públicos.

Ao ritmo da maxia é un espectáculo de orixinal e dinámico nun formato concibido para entreter e divertir cunha variada mostra de diferentes ámbitos da maxia. Un ilusionista atópase con tres músicos. Os músicos piden ao mago que faga unhas cantas ilusións ao son da súa música e, tamén, que utilice a súa maxia para aplicar melloras na música. Ao ritmo da maxia, un show interactivo no que se fai ao público partícipe dunha historia desenvolvida a todo ritmo.

Este espectáculo forma parte do circuíto cultural e de lecer Cultura no Camiño, promovido pola Xunta de Galicia con motivo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela e conta co patrocinio de Turismo de Galicia e do Agadic.

Con Verán na rúa, a Concellaría de Acción Cultural enche de novo no mes de agosto algunhas das rúas e prazas máis emblemáticas de Santiago de Compostela cunha variada programación. A oferta de Verán na rúa está dirixida a todo o público, que só se terá que preocupar de coller un bo sitio para ver os diferentes espectáculos de circo, acrobacias aéreas, malabares, títeres, maxia, teatro de rúa, contacontos, danza, ou música, entre outros, xa que todas as actividades son de balde.

Direcciones relacionadas



Compartir: